Manifesto pola ampliación do Parque nacional das Illas Atlánticas Imprimir
Envia Manifesto pola ampliación do Parque nacional das Illas Atlánticas a FaceBookEnvia Manifesto pola ampliación do Parque nacional das Illas Atlánticas a Twitter

A boa nova da creación do Parque Nacional das Illas Atlánticas, o primeiro Parque Nacional galego, pode quedar en boa medida ensombrecida por unha delimitación timorata e acientífica do mesmo, delimitación que supón excluír boa parte dos valores biolóxicos que xustifican a declaración do Parque e empobrecer a súa capacidade de uso público, así como o seu potencial de ser motor de desenvolvimento socioeconómico para a zona de influencia.

honkenya.jpg

Efectivamente, a delimitación proposta deixa fóra do Parque Nacional algunhas illas de gran importancia ecolóxica, zonas costeiras de alto valor natural, e comunidades submariñas representativas e de moi alta biodiversidade.

Desde a perspectiva da representatividade do Parque Nacional, resulta incomprensíbel deixar fóra do mesmo ás outras illas atlánticas (Rúa-Lobeiras, Sisargas, Cortegada, Estelas,...), aos espacios de alto valor e representatividade da costa adxacente (Costa da Morte, Península do Grove, Cabo Udra, Costa da Vela,...), e ás comunidades submariñas de costa batida da cara W das illas, dunha importancia sobranceira e pouco ou nada representadas na delimitación proposta para o P.N., que sería o de menor superficie de toda a rede española de Parques Nacionais.

Desde o ponto de vista do uso público, os espacios costeiros permitirían ademais a instalación das infraestructuras e servicios, así como a posibilidade de visita ao Parque Nacional sen ter que depender do estado da mar (é previsíbel que en moitos dias de inverno non se poida cruzar ás illas, polo que a visita ao Parque Nacional, coa actual delimitación, quedaría imposibilitada).

Asimesmo, desde a óptica do interese social do Parque, a inclusión das franxas terrestres e das demais illas, permitiría que fose moito maior a porcentaxe de Concellos e de poboación local beneficiada.

En calquera caso, os límites marítimos incluídos na Proposición de Lei pola que se declara o P.N. distan moito de ser xustificábeis, tanto desde o ponto de vista ecolóxico como do da xestión. Chamamos a atención sobre o feito de que a limitación do Parque por curvas batimétricas, é dicir, liñas curvas, supón a imposibilidade de realizar unha sinalización física que informe ao visitante da súa posición respecto á normativa aplicábel en cada momento, o que crea un problema de indefensión que adoita ser resolto coa inhibición por parte da Administración da súa potestade sancionadora, o que ademais dunha perda manifesta de autoridade, supón tecnicamente deixación de funcións.

Por outra banda, sería recomendábel ampliar a superficie mariña do futuro P.N. Limitar a franxa marítima aos 10 metros de profundidade, desprovee de coherencia á protección do medio mariño, auténtica riqueza ecolóxica e histórica desta área, agravado pola exclusión de franxa mariña algunha na zona de augas exteriores, é dicir, da cara W de cada unha das Illas, a zona aberta ao Atlántico, posuidora ademais da maior biodiversidade do conxunto.

Na marxe externa das Illas Cíes existen fondos de coral amarelo (Dendrophylla cornigera), entre as batimetrías de – 40 – 50 m, de grande interese ecolóxico e científico, que quedarían fóra dos límites do PN.

Este sería o estado no que ficarían as comunidades mariñas máis representativas coa proposta de límites:

1.- O bosque de feofíceas, principalmente Saccorhiza polyschides, Laminaria hyperborea e Laminaria ochroleuca, que representa a comunidade de maior complexidade ecolóxica e riqueza específica, queda moi mal representada, xa que, aparte de que a súa distribución dase entre os –1 e –25 m. teñen preferencia por sustratos expostos ou semiexpostos, polo que a súa presenza dentro do P.N. queda seriamente reducida restando representatividade ao conxunto.

2.- Os poboamentos de fauna sésil sobre paredes verticais, situados entre –1 e –15 m, quedan igualmente sesgados, xa que esta comunidade, de altísima biodiversidade, presenta a súa maior importancia en zonas expostas, que novamente fican fóra.

3.- Igualmente ocorre coa comunidade de percebe (Pollicipes cornucopia), que se ben ten unha distribución batimétrica moito máis reducida (0, -2m) ten as súas poboacións máis representativas nas zonas expostas, de maior osixenación e difícil acceso. Pola contra, a poboación de ourizo (Paracentrotus lividus) estaría ben representada dentro dos límites propostos.

4.- As comunidades comprendidas nos horizontes das rodofitas, feofitas, o Gelidium sesguipedale e o mexillón quedan igualmente incluídos na batimetría proposta, pois ningún deles adoita sobrepasar os - 5 m de profundidade. Se ben a exclusión da zona exterior fai que se perda unha interesante mostra destas comunidades.

5.- A poboación de Cystoseira baccata, aparte de quedar excluída na costa exposta, queda dividida, ao distribuírse até profundidades de –15 m.

6- O mesmo ocorre coas poboacións de Anemonia viridis, que quedan partidas ao alcanzaren os -25 m.

7.- Dúas comunidades de interese, as integradas por corais brandos e os fondos de ofiuroideos quedan excluídas do parque ao se daren unicamente en profundidades entre – 15 , - 30 e – 10, – 20 respectivamente.

Asimesmo, os restrinxidos límites actuais deixan fóra algunha das comunidades de aves máis singulares que a área posúe dentro da Península Ibérica, como son as existentes no Cabo Vilán, Illas Sisargas e outros enclaves da Costa da Morte. Ecosistemas peculiares como son os complexos dunares e lacustres costeiros quedarían igualmente excluídos dentro da actual proposta.

A área proposta tamén deixaría sen protección o rico patrimonio arqueolóxico que xace no medio mariño, de elevado interese e aínda pouco estudiado.

Como conclusión, podemos afirmar que os límites marítimos actuais, de liñas curvas, profundidades someras e zonas excluídas, ofrecen a totalidade das dificultades de conservación e xestión dunha área marítima e ningunha das súas vantaxes, cando a solución sería fácil: delimitación por liñas rectas (as menos posíbeis) e profundidades de –30 e -50 metros na marxe interna e, por suposto, sen excluír as augas exteriores.

En definitiva, a representatividade dos sistemas, criterio base para a inclusión dunha área protexida na rede estatal de Parques Nacionais, fica notabelmente cuestionada: a lei de Parques Nacionais di que debe haber un Parque Nacional representativo das plataformas continentais atlánticas. Esperamos que non se perda a oportunidade de que ese obxectivo se cumpra, sometendo a ampliación e corrección a delimitación proposta para o PN das Illas Atlánticas.

 

Santiago, decembro de 2001

 

ASINANTES:

Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)

Federación Ecoloxista Galega (FEG)

Sociedad Española de Ornitología (SEO)/Birdlife

Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

Angela Alonso Millán. Profesora Titular de Xeoloxía da Universidade da Coruña.

Elena Angulo. Investigadora da Estación Biolóxica de Doñana e do Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos.

Javier Amigo. Profesor do Departamento de Bioloxía Vexetal da Universidade de Santiago

Javier Calzada Samperio. Investigador do Departamento de Bioloxía Ambiental e Saúde Pública da Universidade de Huelva.

Regina Carballal Durán. Profesora do Departamento de Bioloxía Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela.

Xoán Fernández Carrera. Profesor e escritor da Costa da Morte.

Fiz Fernández Pérez. Investigador do Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

María Isabel Fraga Vila. Profesora do Departamento de Bioloxía Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela.

Pedro Galán Regalado. Profesor Titular de Zooloxía da Universidade da Coruña.

Ricardo García Mira. Profesor do Departamento de Psicoloxía (experto en psicoloxía ambiental) da Universidade da Coruña. Membro da Xunta Directiva da International Association of Psicology (IAPS).

Marcos González González. Profesor do Departamento de Bioloxía Animal da Universidade de Santiago.

Eduardo González Gurriarán. Catedrático de Zooloxía da Universidade da Coruña.

Mª Carmen López Rodríguez. Profesora do Departamento de Bioloxía Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela.

José Mora Bermúdez. Catedrático do Departamento de Bioloxía Animal da Universidade de Santiago (área de Oceanografía).

Enrique Martínez Ansemil. Catedrático de Zooloxía da Universidade da Coruña.

Ramón Muíño Boedo. Profesor Asociado de Zooloxía (Especialidade Bioloxía Mariña) da Universidade da Coruña.

Francisco Novoa Docet. Catedrático do Departamento de Bioloxía Animal da Universidade de Santiago.

Santiago Ortiz. Profesor do Departamento de Bioloxía Vexetal da Universidade de Santiago.

Roxelio Pérez Moreira. Profesor de Edafoloxía da Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago.

Eloy Revilla. Investigador do Departamento de Modelos Ecolóxicos e Análise de Ecosistemas do Centro de Investigacións (UFZ) de Leipzig (Alemaña).

Pilar Ríos López. Profesora do Departamento de Bioloxía Animal da Universidade de Santiago.

Araceli Serantes Pazos. Profesora de Educación Ambiental do Departamento de Pedagoxía e Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade da Coruña.

Manuel Soto Castiñeira. Profesor Titular de Enxeñería Química da Universidade da Coruña.

Victoriano Urgorri Carrasco. Profesor do Departamento de Bioloxía Animal da Universidade de Santiago (especialidade de zooloxía mariña).

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com