Carta de Cedeira Imprimir
Envia Carta de Cedeira a FaceBookEnvia Carta de Cedeira a Twitter

Sr. Ministro de Pesca

As Confrarías de Pescadores que exercen a súa actividade pesqueira no caladoiro nacional do Cantábrico-Noroeste, Federacións, e organizacións do sector, que seuscriben, expresando o sentir dos milleiros de familias que viven da pesca, ante a alarmante e caótica situación dos recursos mariños das nosas costas, dirixímonos a V.E. coa finalidade de lle expor unha serie de propostas de actuación inmediata que sirvan para frear dunha vez por todas a gravísima deterioración que están sufrindo os nosos caladoiros e o ecosistema mariño, pois entendemos que segue sen haber unha política pesqueira eficaz e coherente, e que nunca a houbo.
En primeiro lugar, desexamos suliñar que a filosofía do presente documento baséase exclusivamente na necesidade urxente de adoptar as medidas oportunas para recuperar o mar. Non podemos permitirnos o luxo de perder máis tempo en discusiones estéreis, nin en ficticias loitas entre artes ou comunidades veciñas, que só benefician aos que desexan enriquecerse á custa de pescaren “canto máis e máis rápido, misor”, sen se preocuparen da necesidade de variar o actual patrón de explotación cara a outro modoo baseado nunha pesca sustentábel e con futuro.

Por iso, agora todos debemos asumir o noso mea culpa, e no grao que a cada segmento do sector extractivo corresponde, así como a propia Administración pesqueira, e dispornos a traballar para que, iniciado este novo milenio, invirtamos esta secuar conducta depredadora por unha actitude responsábel co mar, coa súa riqueza pesqueira, co ecosistema mariño e coa súa biodiversidade.

As propostas que seguen foron formuladas desde o sector pesqueiro de baixura, que representa nada menos que ao segmento de frota nacional máis importante a nivel social e económico, constituíndo unha actividade esencial na economía de todos os pequenos portos pesqueiros. A baixura, constituída por pesqueiros de dimensións acordes coa realidade da nosa pequena plataforma continental, é a antítese da pesca industrial, e a diferencia de ésta, caracterízase por estar organizada maioritariamente en torno a unha estructura empresarial familiar, o que nos motiva –aínda máis se cabe- a implicarnos na consecución dun modo de pesca sostíbel tanto para os pescadores actuais como para as xeracións vindeiras.

Tamén queremos seuliñar que a pesca de baixura posúe o factor humano máis numeroso de todas as modalidades de pesca nacionais, e os beneficios xerados repártense entre milleiros de familias que viven de cara ao mar e non “a su costa”, representando o pilar fundamental na economía das poboacións do litoral, xerando además un efecto multiplicador por creación de emprego indirecto, inclusive terra adentro.
Neste sentido, queremos resaltar o feito de que as propostas que agora presentamos están avaladas por milleiros de familias pescadoras, familias ás que xa non lles serven máis boas palabras, máis dubidosas desculpas de que “se necesitan máis estudios”, máis promesas de accións futuras,... pois a pesca tocou fondo.

Non hai xa que logo máis excusas que só serven para aletargar de novo a adopción das medidas que desde hai decenas de anos se veñen recamando desde o propio sector e co apoio unánime dos científicos.
Polo exposto, as nosas propostas serán concisas, concretas, caras, nidias, e sen dobreces. Exactamente do mesmo modo en que desexamos que se produza a pronta resposta da Administración pesqueira.
O sector non come con boas paabras. Agora xa só serven feitos e prazos concretos.

1. PROPOSTAS RELATIVAS Á PESCA DE FONDO.

O problema da pesca de fondo poderíase reducir en tres puntos:

  • Cesamento inmediato da pesca de xuvenís.
  • Reguación da pesca de adultos.
  • Conservación e protección do ecosistema mariño.

Para atinxir estes obxectivos, SOLICITAMOS:

1.1 Erradicación inmediata da pesca de arrastre en pedra (tren de bolos) e de parella semipeláxico.

A pesca de baixura non ten nada en contra dos arrastreiros tradicionais, aqueles cos que desde hai máis de tres séculos se vén compartindo a pesca, sempre que se respete a normativa vixente. Sen embargo, o que non estamos dispostos a tolerar é a moi preocupante tendencia dos últimos anos, exercida por determinadas unidades do sector de arrastre, de se dotaren de artefactos nos sacos e de faenar con arrastre en parella semipeláxico, pois ambas “malas artes” están arrasando co pouco que queda a un ritmo nunca antes visto.

O arrastre con tren de bolos causa danos gravísimos nos fondos mariños, destrozando os biotopos e alterando os fondos de xeito irreversible ou de moi lenta recuperación. Captura todo o que se cruza polo seu camiño, do cal a maior parte é posteriormente devolto ao mar, como descarte, xa morto. É por este tremendo dano aos recursos e ao medio mariño polo que solicitamos a súa INMEDIATA ERRADICACIÓN en todo o caladoiro do cantábrico-noroeste. O arrastre semipeláxico á parella está colaborando activamente na extinción do stock de pescada, incidindo de forma especial nas concentracións de xuvenís ou cariocas. É tamén imprescindible prohibilo no caladoiro nacional cantábrico-noroeste, e mentres non se varía a lexisación comunitaria, con carácter de máxima urxencia, limitar a súa actividade a fóra das 12 millas da costa. Non nos vale ningún argumento baseado en que estes barcos cumpren a normativa de mallas, nin de zonas, xa que a realidade é que se están masacrando as poboacións de xuvenís, amparados nunha lexislación que, obviamente, falla, e que por tanto é preciso cambiar coa máxima urxencia.

1.2 Inmediata entrada en vigor da orde que modifica as zonas de veda para o arrastre de fondo no caladoiro cantábrico-noroeste.

Segundo informa a Secretaría Xeral de Pesca Marítima, o pasado mes de decembro de 1999 solicitouse o preceptivo informe das Institucións Comunitarias en relación á revisión de determinadas zonas de veda para o arrastre de fondo no cantábrico-noroeste e, polo de agora, a Comisión non se pronunciou ao respecto.

Mais isto non debe servir como excusa para que a orde entre en vigor sen máis extraños aprazamentos, posto que só dúas das zonas de veda descritas no proxecto de orde exceden as 12 millas. De feito, o borrador elaborado na época de Dona Loyola de Palacio, contemplaba como data de entrada en vigor o 1 de xaneiro de 2000, data que –como é evidente- non se cumpriu.

O sector de arrastre solicitou entón novos estudios, aos que non nos opomos, mais sen que iso implique un retraso da entrada en vigor da orde, xa que de ser así, estaríase incumprindo camorosamente o “Código de Conducta para unha Pesca Responsable”, da FAO, no cal España participou activamente na súa redacción e posteriormente suscribiu, e en cuxo capítulo 7.5, referente ao “criterio de precaución” di: “A falta de información científica adecuada non se debería utilizar como razón para aprazar ou deixar de tomar as medidas de conservación e xestión necesarias”.

Obviamente, neste caso sobra información científica que avala a necesidade de implantar sen máis dilación estas zonas de veda, o que aínda é máis grave. Parece, por tanto, evidente que o que se está tentando é retrasar unha e outra vez a adopción de medidas absolutamente inaprazables.

Por iso, SOLICITAMOS , sen máis retrasos nin desculpas, e independentemente do informe da Comisión Europea, a inmediata entrada en vigor da “Orden Ministerial por la que se establecen determinadas vedas de arrastre en el caladero nacional del cantábrico e noroeste”, alomenos no que respecta á franxa de 12 millas, deixando as zonas que exceden esta área á espera do informe da Comisión.
Neste senso, desexamos resaltar a opinión dos científicos do Instituto Español de Oceanografía, que aseguraron recentemente en medios de comunicación escritos que, ao se teren producido malos recrutamentos estes últimos anos, a non adopción inmediata das medidas de protección das zonas de concentración de xuvenís poderán derivar no colapso do stock de pescada.
Xa non hai argumentos que xustifiquen nin un só día máis de retraso.

1.3 Revisión das tallas mínimas das especies obxectivo.

En bioloxía pesqueira, a idade de primeira captura é a idade correspondente á madurez sexual, a partir da cal o exemplar xa se pode capturar, pois considérase que tivo a oportunidade de se reproducir polo menos unha vez.
Considerando a relación existente entre a idade dos peixes e a súa talla, créase o concepto de “talla mínima”, que é aquela que se corresponde coa idade na que o peixe conseguiu a súa madurez sexual.
Resulta por tanto incomprensible a todas luces que especies como a pescada teñan establecida unha talla mínima moi por debaixo da talla de madurez sexual, feito que só favorece aos que se dedican a capturar inmaduros.

Por iso, SOLICITAMOS que con carácter xeral primen os criterios biolóxicos sobre calquera outro e, agás en casos debidamente xustificados, se proceda a elevar as tallas mínimas das principais especies obxectivo da pesca de fondo, especialmente da pescada.

1.4 Revisión das dimensións de malla (R.D. 1441/1999).

Desde o pasado 1 de xaneiro de 2000, procedeuse ao incremento da malla das redes de arrastre e a betas dirixidas á pescada, conforme ao establecido no Regulamento (CE) nº 850/98.
Non entendemos como, mentres se puxo unha malla mínima ás betas de 80 mms - co cal a totalidade das capturas de pescada superan amplamente a talla legal- ao arrastre se lle permite faenar con 40 mms. en fondos de máis de 200 metros, e con 55 mms. en fondos inferiores, co que seguiran pescando xuvenís de pescada.

Por iso, e considerando que os buques de arrastre que exercen a pesca con mallas de 55 dirixen a súa actividade á bacaladilla, e que, segundo os informes do Instituto Español de Oceanografía, a distribución desta especie desénvolvese prioritariamente en fondos superiores a 200 metros, SOLICITAMOS que se prohiba expresamente o uso de mallas de arrastre menores de 70 milímetros en fondos inferiores a 200 metros, estando permanentemente prohibido o seu uso dentro das 12 millas de distancia á costa, “mar territorial” competencia exclusiva da administración nacional.

1.5 Unificación de horarios de descanso semanal.

Proponse a unificación dos horarios de descanso semanal para todo o caladoiro cantábrico noroeste. Este descanso deberá durar 48 horas continuadas, que como norma xeral puideran ser desde as 00:00 h. do sábado até as 00:00 horas do luns, cubrindo así o fin de semana, o que repercutirá nun mellor ordenamento pesqueiro e no benestar das familias dos homes do mar. Cuando se deran circunstancias locais que xustificasen mudanzas neste horario xeral para algunhas artes, poderíase estudiar a súa aplicación mediante planos de pesca especiais con horarios ou épocas de veda de forma que se seguise cumprindo a porcentaxe de 2 días de descanso obrigatorios (48 h.) de cada 7 días.

1.6 Vixilancia e control dos desembarcos de todas as frotas.

De nada serven as medidas se non se fan cumprir. Por iso, SOLICITAMOS un aumento permanente da vixilancia e control dos desembarcos, así como en todo o circuito comercial.
Desde a Administración dísenos que se fixeron moitas cousas, que se puxeron moitos medios, que se realizaron convenios con forzas de seguridade, pero nos mercados segue habendo inmaduros. Paremos xa esta debacle.

2. PROPOSTAS REATIVAS Á PESCA DE SUPERFICIE:

Mentres que a metade sur do Golfo de Biscaia, Cantábrico e Galicia, ve como as distintas pesquerías van diminuíndo os seus rendementos a pasos axigantados, nada parece cambiar na política pesqueira. Os arrastreiros peláxicos e do tipo Naveran así como as redes de deriva, seguen realizando a súa actividade destructiva sobre especies tan sensibles e de histórica importancia para as nosas frotas, como a anchoa, a sardiña o o bonito do norte.
Por iso, SOLICITAMOS:

  • A prohibición total das redes de deriva en augas da Unión Europea ao 01/01/2002 (Decisión do 08/06/98).
  • A adopción dunha moratoria para o arrastre peláxico e de grande abertura vertical (Naveran) en augas comunitarias do Golfo de Biscaia ao sur do paralelo 46.
  • O control dos descartes e estudio do impacto do arrastre peláxico e de grande abertura vertical (Naveran), efectuados nesta zona por parte de observadores independentes dos estados costeiros.
  • A adopción de medidas que eviten firmemente a captura de peixes inmaduros.


3.OUTRAS PROPOSTAS:

3.1 Paros biolóxicos.

No Dereito Romano, as costas, o mar, o aire e a agua eran considerados “res communes” –recursos comúns-, polo que non podían ser obxecto de explotación comercial privada. Posteriormente, a grande importancia económica que adquiriu o aproveitamento dos recursos pesqueiros motivou aos gobernos de todos os países das ribeiras a lexislaren de forma que a explotación dos recursos mariños non pasase a regularse de forma privada, senón que estivese supervisada e dirixida pola Administración pública.

O Código Civil actual dispón que o dereito pesqueiro non se rexe por normas de dereito privado, senón por leis especiais de dereito público.
Do exposto dedúcese que a Administración pública é a encargada de regular o sector, sendo por tanto responsable última das consecuencias que se poidan derivar da súa inoperancia ou desleixo.
Xa que logo, nengún segmento do sector pesqueiro ten porque asumir os custos causados por decenios de pasividade e consentemento, polo que entendemos que se debe artellar a posibilidade de que os barcos afectados por medidas de protección como vedas espaciais e/ou temporais, se poidan acoller voluntariamente a paros biolóxicos subvencionados pola Administración pública, pois chegou o momento de nos sacrificar todos, incluíndo a quen tivo que evitar chegar a esta situación, ao non pór os medios necesarios que garantisen o cumprimento das até agora ineficaces normas que se dictaron. E á crua realidade actual nos remitimos.

3.2 Novo período IFOP. 2000-2006. Potenciamento da baixura.

Un dos elementos principais que obrigaron á creación do IFOP foi a crise pesqueira, recoñecendo xa en 1993 os propios Ministros de Pesca da UE que “para facer fronte á realidade hai que recoñecer que o sector pesqueiro está en crise e que para sobrevivir é absolutamente necesario que se adapte e que reaccione ante a nova situación, caracterizada principalmente por un exceso de capacidade de frota e por unha explotación excesiva das pobacións”.

Agora, sete anos despois, podemos comprobar que, a pesar de que se gastaron miles de millóns de pesetas, a crise non só se agravou, senón que está na súa fase máis crítica de toda a historia da pesca no Atlántico ibérico.
Este aparente paradoxo é fácil de entender, xa que se ben se reduciu lixeiramente o número de barcos, a súa capacidade de pesca multiplicouse varias veces, xa que os buques industriais de arrastre de fondo que operan nas nosas augas hoxe en día, foron totalmente renovados con fondos comunitarios creados para o contrario, e están dotados das últimas tecnoloxías en detección de pesca, con motores impresionantes e toda sorte de artefactos ilegais nos sacos, ou aproveitando supostos “vacíos legais” como no caso citado do arrastre semipeláxico á parella.

Se a este feito engadímoslle o incumprimento reiterado dos xa de por sí escasísimos “fondos mínimos” e áreas de veda, comprenderemos que non estamos diante dun paradoxo senón diante dun tremendo despropósito, unha falta de coherencia en materia de política pesqueira. E unha vez máis, á dura realidade nos remitimos.

Polo exposto, SOLICITAMOS

  • Que o novo período IFOP 2000-2006 sexa o IFOP da recuperación do mar, destinándose integramente aos fins para os que foi creado:
  • Frear a explotación excesiva das pobacións, subvencionando os paros biolóxicos naquelas zonas e épocas que os científicos estimen que se deben protexer.
  • Adecuar a frota aos recursos, favorecendo a paralización definitiva dos buques cuxas actividades son máis destructivas cos recursos e o ecosistema, de acordo coas directrices emanadas polos científicos.
  • Renovar e potenciar a frota de pesca selectiva, aquela que non pesca inmaduros e é respectuosa co medio marino, como mellor vía para garantir a recuperación do mar.
  • Dotar os medios e servizos necesarios para garantir o cumprimento estricto das medidas de protección que se adopten, sempre artelladas baixo criterios biolóxicos e sociais. E cando dicimos sociais, referímonos a traballar sempre en beneficio da maioría.

Por último, quereríamos lembrar que a súa antecesora no cargo asegurou que o futuro da pesca española pasa necesariamente pola recuperación dos caladoiros propios, dificultando ao máximo a acción das artes destructivas que até agora actuaron impunemente pondo ao bordo do colapso aos stocks de peixes e outros recursos mariños que son o motor económico da inmensa maioría das pobacións costeiras do Cantábrico e Galicia.
Agora, como Ministro de Pesca ten súas mans a oportunidade de se converter nunha persoa comprometida de feito coa xente do mar. Díxose moitas veces que quizais sexa a derradeira oportunidade para salvar a crítica situación dos nosos caladoiros, mais tristemente é posible que así sexa.

Por iso, estamos seguros que comprenderá que a estas alturas ao sector xa non lle serven máis boas palabras, nin rebuscadas respostas cunha ambigüidade calcuada, nin promesas de futuro, nin insostibles argumentos baseados na suposta necesidade de “máis estudios”.

Só serven os feitos e prazos concretos, polo que estamos certos que comprenderá que, ante a crítica situación que estamos atravesando, o sector de pesca de baixura reservarase o dereito de adoptar outras medidas de actuación no suposto de que non se vexan xestos reais –queremos feitos- nun breve prazo por parte da administración pesqueira.

No porto de Cedeira, A Coruña, a 4 de marzo do 2000.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com