Eólicos no mar de Galiza: non todo vale para producir kilovatios Imprimir
Envia Eólicos no mar de Galiza: non todo vale para producir kilovatios a FaceBookEnvia Eólicos no mar de Galiza: non todo vale para producir kilovatios a Twitter
eolmar.jpg29 de outubro de 2007. O tirapuxa entre a Xunta e o Ministerio de Industria polos parques eólicos mariños está a desviar a atención sobre a cuestión de fondo: o desenvolvemento das renovábeis en Galiza está baseado no produtivismo e non na eficiencia. A Xunta segue coa teima de triplicar a producción eólica no 2011 e o Ministerio quere implantar a eólica mariña en todo o estado. En Galiza o desenvolvemento eólico tivo custos ambientais e sociais moi altos: privatizáronse os beneficios e socializáronse os impactos. Agora meter muíños na costa alén de innecesario, podería ter graves consecuencias sobre os nosos recursos mariños.

En abril pasado, a Consellería de Industria desbotou a instalación de parques eólicos no mar galego, iniciando unha puxa legal co Ministerio de Industria polas competencias sobre estas instalacións. Paralelamente, a Xunta está a traballar no novo Plano Eólico Galego que debería poñer orde nun sector no que até o de agora, todo valía con tal de tirar beneficio do vento sen reparar en espazos protexidos ou intereses veciñais.eolm2.jpg
Para ADEGA, a racionalización do sector eólico pasa por:
-Declarar unha moratoria real e paralisar tanto os proxectos novos como os que están en tramitación. Para debater sobre a súa revisión propomos a criazón dun grupo de traballo constituído polas Consellerías de Industria e Medio Ambiente, representantes das empresas do sector, organizacións de defensa ambiental, sindicatos, FEGAMP e expertos/as en planificación enerxética e conservación do medio natural.
-Establecer zonas de exclusión: non debería tolerarse a implantación de parques eólicos naqueles espazos naturais que son obxecto dalgunha figura de protección legal (ZEPVNs, parques naturais, espazos en réxime de protección xeral, etc.) así como outras áreas de alto valor natural.tal e como xa teñen feito outras autonomías do estado dende hai tempo. As rías e a plataforma continental galega deben tamén estar exentas da explotación eólica industrial.
-Facer unha avaliación ambiental estratéxica imparcial e rigorosa que valore tamén o impacto do Plano Eólico no seu conxunto. A avaliación individual de cada un dos proxectos por separado (que non ten en conta o impacto dos tendidos eléctricos necesarios para a evacuación da electricidade) é unha ferramenta claramente insuficiente para valorar a incidencia ambiental dun Plano Sectorial.
-A revisión do Plano Eólico debería garantir a protección efectiva e a posta en valor do patrimonio natural, cultural e do atractivo turístico de Galiza, nomeadamente da Rede Natura.
-Non se deberían considerar por sistema e en todos os casos os parques eólicos como de interese público e utilidade social. A administración deberá promover alternativas sustentábeis para o desenvolvemento económico das poboacións residentes nos espazos protexidos, centradas nos valores naturais, culturais, turísticos, etc. destas áreas.
-Apostar polo repotenciamento das actuais instalacións, substituindo vellos muiños de 0,3-0,4 Mw por outros de até 3 Mw, o que permitiría diminuir a densidade dos parques mantendo as concesións e mesmo retirar algúns dos máis impactantes.
Fronte ao produtivismo a ultranza, ADEGA é partidaria do aumento da participación das renovábeis na producción enerxética no marco dunha política enerxética sustentábel e equitativa que priorice o aforro, a suficiencia e a eficiencia enerxéticas. Tamén, as enerxías limpas entanto que alternativas, deberían substituir progresivamente a aqueloutras fontes que consumen recursos finitos e son máis contaminantes.
Enerxía eólica sí, pero non así. Debemos aprender dos erros do pasado e non repetir agora no mar o que se fixo mal en terra. Galiza xa pagou unha peaxe moi alta polo desenvolvemento caótico da enerxía eólica nos últimos 20 anos. Pretender agora ocupar a costa con aeroxeradores é outro chanzo máis dunha colonización enerxética que ademáis pode poñer risco os fráxiles ecosistemas litorais e os recursos mariños dos que depende tanta xente no país.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com