Andaina polo Clima.: de Meirama a SOGAMA para comemorar o Día da Terra Imprimir
Envia Andaina polo Clima.: de Meirama a SOGAMA para comemorar o Día da Terra a FaceBookEnvia Andaina polo Clima.: de Meirama a SOGAMA para comemorar o Día da Terra a Twitter

banner_horizontal

Andaina polo Clima

O CLIMA NON ESTÁ Á VENDA!

O exceso de contaminación e a sobrexplotación dos recursos naturais provocaron unha crise ecolóxica planetaria que non deixou de se agravar nas últimas décadas. A mudanza climática é a manifestación máis preocupante desta crise, moito máis decisiva para o futuro da humanidade que a actual crise económica. Non hai un “planeta B”. Se non paramos a deterioración da Terra, a diversidade da vida e as nosas posibilidades de benestar e de sobrevivencia veranse dramaticamente mermadas.

Coma o resto do mundo enriquecido, Galiza é corresponsábel da mudanza climática global, debido principalmente ao sobreconsumo de combustíbeis fósiles (petróleo,carbón, gas natural). As nosas emisións por habitante de gases de invernadoiro son moi altas. Non resulta sorprendente, se consideramos a presenza no noso territorio de grandes industrias emisoras –como as centrais térmicas, nomeadamente as de carbón-, o uso masivo do coche e do camión, a aposta pola incineración e os vertedoiros como principais formas de xestión dos residuos urbanos, ou o retroceso alarmante da agricultura labrega, que erosiona a soberanía alimentar e aumenta o risco de incendios forestais.

O fracaso estrepitoso do Cumio do Clima de Copenhague, motivado pola negativa dos países enriquecidos a asumirmos a nosa débeda climática cos países empobrecidos, non nos desanima. Sabemos que nos enfrontamos a un problema inaprazábel e fundamental, complexo mais resolúbel. Por iso, con motivo do Día da Terra, volvemos defender un modelo económico innovador, baseado no aforro e na eficiencia enerxética, as enerxías renovábeis e o emprego verde, afastado do produtivismo e do consumismo, que nos permita equilibrar, equitativamente co resto da humanidade, os nosos estándares de vida coa capacidade do planeta para soportalos, decrecendo o consumo de enerxía e de recursos naturais.

Esiximos que no Cumio do Clima que terá lugar en México en novembro próximo se logre un tratado climático xusto, vinculante e ambicioso, inspirado polos principios da xustiza climática e capaz de prevenir unha mudanza climática catastrófica. Demandamos da Xunta e dos demais poderes públicos a aplicación urxente de políticas coherentes con este obxectivo, que posibiliten unha redución mínima do 30% das emisións galegas de gases de invernadoiro en 2020 a respecto de 1990. O seu desenvolvemento, alén dunha obriga moral coas xentes máis desfavorecidas, coas xeracións futuras e co resto dos seres vivos que partillan connosco o planeta, é unha oportunidade para mellorarmos as nosas vidas, pois comportaría múltiples beneficios para a nosa terra: menor dependencia enerxética e alimentaria, cidades e vilas máis habitábeis, xeración de emprego verde, menor destrución do territorio, aire máis limpo,...

As organizacións asinantes rexeitamos falsas solucións ao cambio climático, como a enerxía nuclear, a captura e almacenamento de carbono, os agrocombustíbeis insustentábeis, a incineración de residuos ou as plantacións de eucalipto, e reivindicamos:

-O peche urxente das centrais térmicas de carbón de ENDESA nas Pontes e de GAS NATURAL-UNIÓN FENOSA en Meirama e un Plan Enerxético que decreza o consumo de enerxía e procure, non máis alá de 2050, o abastecemento do 100 % das nosas necesidades enerxéticas con renovábeis, minimizando o seu impacto ambiental e con prioridade para a xeración distribuída.

-Unha moratoria na construción de novas autovías e autoestradas e na ampliación dos aeroportos e a aprobación dun Plan Director de Transporte e Infraestruturas que, respectando os espazos naturais máis vulnerábeis, potencie os modos de transporte sustentábeis: ferrocarril convencional, transporte marítimo, autobús, bicicleta e marcha a pé.

-Unha aposta forte pola soberanía alimentar, estimulando a produción e o consumo locais de alimentos de agricultura ecolóxica e labrega.

-O peche canto antes da incineradora de SOGAMA e o impulso dunha política de residuos urbanos que priorice a redución e aposte por un modelo de xestión descentralizado que cree unha rede de plantas comarcais de reciclaxe e compostaxe e desbote totalmente a incineración.

Galiza, Día da Terra 2010

Amarante, Amigos da Terra, Asociación cultural Lucerna (Cerceda), Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Federación Ecoloxista Galega (FEG), Greenpeace, Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos (ISAP), Verdegaia.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com