ADEGA

Inicio / Organización / Quen somos

Quen somos

A Asociación

Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) é unha asociación ecoloxista democrática, independente e sen ánimo de lucro que traballa en defensa do medio ambiente galego e global do que depende a nosa calidade de vida.

ADEGA avoga por un modelo de desenvolvemento ecoloxicamente sustentábel e socialmente xusto, por un modelo de desenvolvemento sen destrución ambiental que reduza as desigualdades dentro de cada país e entre países.

ADEGA é a asociación de defensa ambiental máis activa e con maior implantación do noso país, cunha experiencia de traballo de máis de 25 anos. Centramos o noso traballo en Galiza sen por iso deixarmos de ter unha visión global da problemática ambiental e de exercermos na medida das nosas posibilidades a solidariedade coas loitas ambientalistas doutros pobos.

ADEGA entende que a diversidade biolóxica ten o seu reflexo na diversidade cultural e que ámbalas dúas deben ser preservadas. Isto supón no noso caso asumir un compromiso coa defensa da cultura e a lingua propias de Galiza.

ADEGA forma parte da Federación Ecoloxista Galega (FEG) que agrupa á maioría das asociacións ecoloxistas galegas, da Oficina Europea do Ambiente (OEA), a federación constituída polas organizacións de defensa do ambiente máis importantes da Unión Europea, da Federación Transporte e Medio Ambiente Europea, da Plataforma Nunca Máis, da Coordenadora para a Defensa dos Ríos (COGADER) e da Coordenadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA).

Historia

Na Galiza, protexamos o verde

As primeiras accións para a constitución de ADEGA tiveron lugar a comezos do ano 1974, aínda que a Asociación non sería legalizada até xuño do 76. Foron membros da primeira Directiva personalidades tais como Domingo Quiroga, experto en temas mariños e primeiro presidente de ADEGA, o catedrático de Química Analítica Francisco Bermejo Martínez, experto en temas de contaminación e vicepresidente, o arquitecto Xosé Bar Boo (segundo presidente), os avogados Xosé Luís Rodríguez Pardo e Xosé Luís Fontenla Rodríguez (este terceiro presidente), ou os economistas Xosé Manuel Beiras Torrado e Fernando González Laxe (este Secretário Xeral na segunda directiva), entre outros. Xa nos oitenta, foi presidente Ramón Varela Díaz e secretários xerais Modesto Solla Sanz e Carlos Vales Vázquez.

A comezos da década dos oitenta incrementouse notabelmente a actividade da Asociación, sobre todo durante a campaña contra os vertidos na Fosa Atlántica, que supuxo a mobilización dunha parte importante da socieade galega, e sumaría outras muitas persoas ao traballo colectivo. Poderiamos citar a algunhas destas persoas, tais como Xesús Asorei Martínez, Fiz Fernández Pérez, Xesús Pereiras, Gonzalo Mosquera, Xosé López Ciprián, Ramón Vilalta, Antón Prieto, Tino Fraga, Henrique Niño Ricoi, entre outras muitas que contribuiron decididamente ao traballo e implantación de ADEGA. Algunhas destas persoas impulsaron as primeiras publicacións periódicas de ADEGA, o número 0 da revista ADEGA (1984), e Albadabranca (1986-1988), e as primeiras actividades de educación ambiental na Galiza.

ADEGA,vertidos non

Dos problemas ambientais cos que se enfrentaba ADEGA nos seus inicios falaba Domingo Quiroga nalgunha das suas intervencións públicas: instalación de novas celulosas (no ano 1975 habia proxectos para as seguintes localidades: Padrón, Ponteceso, O Barco, Negreira, Muxía e Fazouro-Mondoñedo), contaminación provocada pola Celulosa de Pontevedra, que contaba xa daquela con varios anos de funcionamento, proxecto de central nuclear en Xove (Viveiro), fábrica de Alúmina-Aluminio, chuvia ácida, incendios forestais.

Nos primeiros anos da década dos 80, ADEGA promoveu unha campaña de oposición aos vertidos de residuos radiactivos fronte ás nosas costas que tivo unha grande repercusión social e contribuiu decisivamente ao cesamento dos vertidos. Neses mesmos anos, alén da mobilización contra os vertidos radioactivos na Foxa Atlántica, destacan as campañas de oposición aos grandes encoros no Ulla ou no Miño (Sela), así como o estudo e reivindicación da declaración de espazos naturais protexidos (Gandaras de Budiño en Porriño, Ancares, Baldaio... ), e a divulgación de iniciativas polo desarme e a paz.

Xa desde mediados dos oitenta prestouse atención á problemática do lixo, reivindicando a redución en orixe e a reciclaxe, e andando os anos tomou peso a reivindicación dunha planificación forestal racional e a loita contra os incendios, o que conduciu á primeira Iniciativa Lexislativa Popular que chegou ao Parlamento de Galiza (ano 1989, para a conservación, a mellora e o desenvolvimento do patrimonio forestal galego), con máis de 35.000 sinaturas de apoio. Estabamos xa diante da segunda onda de celulosas (Papelga en Narón, EuroGaliza Forestal en As Pontes...) contra as que se loitou até xa entrados os anos noventa. Sen esquecer outras muitas loitas (Baldaio, tráfico perigoso polas nosas costas, co embarrancamento do Urquiola, Casón, Mar Exeo ...). Indicaremos que boa parte do traballo realizado daí en adiante, nos últimos quince anos, áchase recollido nas diferentes publicacións de ADEGA, e nomeadamente na Revista CERNA.



Sen petróleo, non á guerra

Vitorias para lembrar

Temos que resaltar o feito de que non hai vertidos radioactivos diante das costas de Galiza, que non hai ningunha central nuclear no país, que a industrialización irracional que supuxo a deterioración da Ría de Pontevedra conseguiuse que non se reproducise noutras rías e ríos, que o encoro do Sela non foi construído, que os encoros do Navia non foron construídos, que o terceiro encoro do Eume foi paralizado e as fragas do Eume son hoxe un Parque Natural, ou que Baldaio, que estaba privatizado e iniciada a súa degradación ecolóxica, hoxe volva a ser un espazo público a protexer, pasando a formar parte da Rede Natura 2000. Son estes algúns dos éxitos consolidados do ecoloxismo galego. Outros muitos éxitos parciais teñen tamén grande importancia. Nos oitenta paralisáronse varios proxectos de grandes encoros de Fenosa no río Ulla, pero a empresa continua presionando coa pretensión dos últimos anos de instalar ducias de minicentrais neste mesmo río e no Lérez. En 1993 paralisouse a construción dunha incineradora de residuos tóxicos e perigosos en Curtis-Teixeiro, e hoxe seguimos luitando contra a queima dos aceites usados en Lendo (Laracha) ou contra a ideia de queimar os pneumáticos usados na cimenteira de Oural (Sarria). No ano 1997, despois de anos de intenso traballo ecoloxista, incluida unha Iniciativa Lexislativa Popular que reuniu algo mais de 50.000 sinaturas de apoio, a Xunta reduciu ao 50% a capacidade da incineradora de Cerceda. Nos anos seguintes acadáronse proxectos de recolla selectiva e reciclaxe en varias comarcas do país, como A Coruña, O Morrazo, Barbanza, A Illa de Arousa, etc. Hoxe seguimos traballando para que en todas as cidades galegas se abandone a incineración e o vertido incontrolado e se opte pola reciclaxe e a compostaxe. As campañas pola protección dos espazos naturais mais salientábeis, as rias, os rios e as serras, continua hoxe centrando os esforzos da Asociación.

Froito destes esforzos cómpre salientar tamén o éxito da ILP en defensa dos ríos que, promovida por ADEGA, foi aprobada polo parlamento Galego no 2006, logo dunha campaña que mobilisou a milleiros de persoas de toda Galiza.

Non esquecemos tampouco a catástrofe do Prestige no 2002-2004, contra a que ADEGA mobilisou a máis de 38.000 voluntarios/as de todo o mundo, ou xa no2006, ano no que ADEGA comemorou os seus 30 anos, o vertido do Umia ou o Voluntariado Ambiental en defensa do monte, para loitar contra os efeitos da vaga de lumes.

Organización

Asamblea Xeral ADEGA

O ámbito de actuación de ADEGA abrangue todo o país, polo que a súa estrutura atópase organizada en Delegacións locais que teñen competencias sobre a súa demarcación, traballando sempre en coordenación coa Delegación Nacional, encargada de prestar apoio ás iniciativas locais e desenvolver o traballo que supere as demarcacións locais.

Ten tres órganos decisorios: a Asemblea Xeral, A Xunta Directiva Xeral e a Comisión Permanente, sendo o primeiro o máximo órgano de Goberno A Asemblea Xeral, á que poden asistir todos os socios e socias con voz e con voto, é o máximo órgano de goberno de ADEGA.

A Asemblea Xeral, que se reúne de forma ordinaria unha vez ao ano, establece as liñas de actuación da asociación, debate os balances de actividades e económico e elixe os membros da Xunta Directiva Xeral, cuxo mandato é de dous anos.

Protesta contra a celebración dunha competición de trial no interior do espazo natural da fervenza do Toxa (Silleda)

A Xunta Directiva Xeral é o principal órgano de goberno entre asemblea e asemblea. Está formada polo/a presidente/a, o/a vicepresidente/a, o/a secretario/a xeral, o/a vicesecretario/a xeral, o/a tesoureira, representantes das delegacións e vocais responsábeis da coordinación das diferentes áreas de traballo.

A Comisión Permanente, elixida tamén pola Asemblea Xeral, está constituída por algúns membros da Xunta Directiva Xeral e encárgase de dirixir a xestión cotiá da asociación.

Todos os cargos da Xunta Directiva Xeral e da Comisión Permanente son elixidos por períodos bianuais renovábeis


Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal