ADEGA

Inicio / Áreas temáticas / Contaminación e residuos / Presentación

Contaminación e residuos

Campaña da iniciativa lexislativa popular pola redución, a reutilización e a reciclaxe

Os galegos e galegas xeramos aproximadamente 1 quilogramo de lixo por persoa e día nos nosos fogares, pero os residuos urbanos inclúen tamén os lodos de depuración e os residuos da construcción e derrubo (mal chamados entullos), de forma que, sumados todos eles, chegamos aos 3 kg por persoa e día. Todo isto non é mais que unha pequena parte dos residuos que botamos ao medio: na industria xérase tamén unha cantidade equivalente a 0,5 kg de residuos tóxicos e perigosos por habitante e día, e considerando os residuos inertes da industria e da minería, superamos os 60 kg/hab/día, cifra que aínda sobrepasa o cento cando temos en conta os residuos agrogandeiros. Por outra banda, unha cantidade superior aos 20 kg/hab.dia emítense continuadamente á atmosfera. Botemos contas e saberemos cantos millóns de toneladas de lixo deitamos na natureza cada día, cada ano ou ao longo dunha vida, e cal é a verdadeira herdanza que deixamos ás xeracións futuras. Estamos claramente diante dun modelo de vida, de producción e consumo, insustentáble.

O vertido de residuos e, sobre todo, a súa incineración teñen graves consecuencias ambientais. Os residuos orgánicos, presentes no lixo doméstico ou nas industrias agroalimentarias, por exemplo, degrádanse consumindo osíxeno e orixinando solos e augas putrefactas. Nese proceso libéranse nutrientes e medran os microorganismos patóxenos. Temos así a aparición de focos infecciosos puntuais, zonas degradadas e contaminación das augas.

Compostaxe e reciclaxe da materia orgánica

Moitos residuos teñen propiedades perigosas, sendo de destacar a súa toxicidade. No propio lixo doméstico temos compoñentes tóxicos (productos de limpeza do fogar; cosméticos e productos de hixiene persoal; colas e adhesivos; pinturas, vernices e disolventes; insecticidas e antiparasitarios; aceites minerais de orixe doméstica; aditivos e outros fluídos de automoción; medicamentos e productos de uso terapéutico; fluorescentes) e na industria xéranse preto de medio millón de toneladas de residuos perigosos, maiormente na industria de tipo químico, nas celulosas, nas refinerías de petróleo, nas metalúrxicas... Os metais pesados (MP) como o mercurio, o cadmio, o cromo, o zinc, o chumbo... por unha banda, e os compostos orgánicos persistentes (COP), entre eles a ducia suxa (pesticidas, dioxinas e furanos, policlorobifenilos...) son as substancias que lle dan máis perigosidade aos residuos. Estas e outras substancias químicas poden causar intoxicacións agudas, xerar enfermidades no sistema nervioso e endocrino, causar cancro ou debilitar o sistema inmunolóxico. Na natureza, moitas especies sofren diferentes anomalías e doenzas debidas á contaminación, que é unha das causas da perda de biodiversidade.

Por todo isto, o vertido incontrolado está hoxe penalizado pola lei. Algúns vertedoiros foron substituídos por plantas incineradoras, pero hoxe hai numerosos exemplos de que estas incineradoras non son unha solución real ao problema dos residuos e da contaminación; ao contrario, en moitos casos o que fan é aumentar a toxicidade dos residuos finais. A incineración non destrúe o lixo: transfórmao en fumes contaminantes e en cinsas tóxicas; nuns e noutras distribúense os metais pesados e contaminantes orgánicos, e mesmo se xeran novas sustancias, como as dioxinas, e centos de compostos químicos que resultan da combustión, sempre incompleta. Nunha incineradora como a de SOGAMA, o tratamento de 500.000 toneladas anuais de lixo orixina máis de 2.000.000 de t/ano de gases, arredor dunhas 100.000 t/ano de residuos perigosos e 50.000 t/ano de augas residuais. A onde van todos estes residuos?: ao solo, ás augas ou á atmosfera, pois non hai outro destino posíbel.
Solucións ecolóxicas

Xuño de 1995 -  Marcha desde a central térmica de FENOSA até Cerceda, para expresar a oposición á incineración do lixo.

A toxicidade dos residuos foi aumentando ao longo das últimas décadas, e tamén as cantidades xeradas. Por isto, desde hai tempo, o ecoloxismo propón a prevención, a través da reducción en orixe, como a principal medida para resolver o problema dos residuos: o obxectivo é estabilizar primeiro a xeración de residuos e despois diminuíla ano tras ano. Para isto hai que mellorar a eficiencia dos procesos de producción, substituír as materias primas perigosas (por exemplo o PVC), substituír os envases e embalaxes de usar e tirar (plásticos, botes metálicos...) por aqueles outros que poden ser reutilizados ou reciclados (vidro, papel/cartón...), empregar materias primas recuperadas dos residuos na fabricación, e limitar ou penalizar o consumo de productos que conlevan a xeración de grandes cantidades de residuos. A reutilización é, pois, a principal medida para contribuír á reducción do lixo doméstico.

Todos os residuos que se xeren deben ser recollidos de forma separada en orixe (recolla selectiva) e tratados para a súa reciclaxe. Coa reciclaxe aforramos novas materias primas, auga e enerxía, e tamén a maior parte do impacto ambiental asociado á producción de novos productos. A reciclaxe do papel é un exemplo claro.

A través da reducción en orixe, da reutilización e da reciclaxe e compostaxe (3R) podemos hoxe dar solución a mais do 80% do lixo. O aumento da eficiencia nos sectores productivos, a substitución de materiais ambientalmente non adecuados, as medidas de estandarización, etc., xuntamente coa educación ambiental, necesaria tanto para a elección dun consumo ambientalmente responsábel como para facer posíbel a participación cidadá na recolla selectiva, permitirán consolidar e aumentar esta cifra de prevención e reciclaxe. Esa outra fracción de refugallos non aproveitábeis, debidamente tratados, deberanse depositar nun vertedoiro controlado.

O traballo de ADEGA

Xa a mediados dos oitenta, cando a cantidade de lixo aínda non pasaba dos 0,5 kg/habitante e día, a metade que agora, ADEGA propuña a reducción en orixe e a reciclaxe dos residuos, xuntamente co vertido controlado. E facíao na cidade da Coruña, onde doce anos máis tarde se derrubaría o vertedoiro de Bens, ao non ter en conta naquel entón as propostas ecoloxistas.

Nos anos noventa intensificouse o traballo ecoloxista por unha xestión ecolóxica dos residuos. ADEGA organizou en outubro de 1995 unhas xornadas dirixidas aos xestores municipais, e a partir delas aparecería o pioneiro Proxecto de Reciclaxe e Compostaxe de O Morrazo. O derrubamento do vertedoiro de Bens converteuse nunha axuda ás reivindicacións ecoloxistas, xa que permitiu romper o cerco informativo e puxo de manifesto a irracionalidade da xestión do lixo que se viña facendo. Ao pouco tempo, ADEGA elaborou un preproxecto de xestión ecolóxica do lixo para toda a Mancomunidade da Coruña, preproxecto que sería adoptado nos seus aspectos fundamentais polo propio Concello de A Coruña e polo Consorcio de As Mariñas. Na mesma liña, apareceron os proxectos de reciclaxe e compostaxe da Serra do Barbanza e da Illa de Arousa. Foron catro anos, os que separaron as eleccións municipais de 1995 das de 1999, de grandes cambios na xestión do lixo, e hoxe estanse a consolidar algúns destes proxectos.

A campaña de reivindicación e concienciación social foi moi intensa, e tivo como principal actividade a iniciativa lexislativa popular (ILP) pola xestión adecuada dos residuos e a prohibición da incineración (1995-1996). Esta iniciativa acadou algo mais de 50.000 sinaturas en todo o país, sendo a mais referendada de cantas chegaron ao Parlamento galego. Simultaneamente, organizáronse numerosos actos e debates arredor da xestión dos residuos. ADEGA elaborou un proxecto alternativo ao de SOGAMA (FENOSA-Xunta), e publicouno no número 3 de ADEGA-CADERNOSEste proxecto describe as instalacións e os programas de xestión xuntamente cos orzamentos necesarios para toda Galiza. Posteriormente, ADEGA elaborou proxectos específicos para diferentes comarcas, seguindo o esquema do elaborado para a Mancomunidade de A Coruña.

As eleccións municipais de 1999 abrían a porta a novos proxectos de xestión ecolóxica do lixo, esperanza que foi perdendo peso a medida que as presións da Xunta e de SOGAMA sobre os Concellos se foron facendo máis estreitas. Os intereses antiecolóxicos de FENOSA e o autoritarismo do poder autonómico acabou por afogar esa esperanza, se ben os gobernos municipais de Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol e Santiago continúan sendo partidarios da reciclaxe e da compostaxe no lugar da incineración.

O inmobilismo da Xunta en materia de residuos manifestouse en todo o traballo da Consellería de Medio Ambiente e afectou tamén aos planos de residuos agrarios, residuos hospitalarios, residuos industriais e residuos especiais. Os avances nesta materia derivados do goberno autonómico son practicamente nulos, e proba disto é a caótica xestión das recolla selectiva que fai SOGAMA a través do contedor amarelo.


Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal