ADEGA

Campañas

Ti podes paralos! Proxectos eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, á petición das entidades ADEGA e PDCC, vén de paralizar cautelarmente dous dos parques eólicos de Bustelo-Campelo-Monte Toural de Greenalia autorizados pola Xunta nos concellos de Santa Comba, Coristanco, Carballo e Tordoia. Pero, o TSXG esixe o depósito inmediato dun aval de 20.000 euros para facer efectiva a paralización cautelar dos parques Bustelo e Campelo. O reto foi acadado o venres, 28 de outubro grazas á solidariedade da sociedade galega a través da campaña Ti podes paralos!! 

+info

#SalvemosCovasVale. Asina polo estudo e protección integral das covas e da súa contorna

As Covas de Vale, situadas no concello lucense de Baralla, están ameazadas por un proxecto mineiro aprobado en 2007 pola Dirección Xeral de Minas da Xunta de Galiza, en conivencia co goberno local. Malia a estar inventariadas no catálogo de bens patrimoniais de Galiza, a tramitación do proxecto mineiro segue o seu curso e, por tanto, as covas tamén seguen en perigo. Asina esta petición de Change.org para que a Administración poña en valor estas covas e garanta a súa conservación.

+info

COUSA DE RAÍCES. Pola posta en valor e o recoñecemento do bosque galego.

“Cousa de Raíces” é unha campaña que xorde por iniciativa de ADEGA pero que está aberta á participación de todas as persoas, entidades e colectivos dispostas a traballar baixo un mesmo obxectivo: defender o noso bosque a través do seu coñecemento e posta en valor. Preto de 50 entidades, empresas, colectivos culturais, asociacións ecoloxistas e investigadores se sumaron xa a esta causa, que continúa recollendo apoios.

+info

ILP contra a incineración e pola aplicación efectiva dos 3R

Campaña a prol da redución, reutilización e reciclaxe dos residuos

Relanzamos a campaña sempre activa arredor dos residuos. O obxectivo principal desta campaña é que os residuos deixen de ser incinerados en SOGAMA, podéndose reutilizar e reciclar. Facemos especial fincapé na materia orgánica (a metade do noso lixo) que pode ser enteiramente compostada, dun modo moi sinxelo, evitando a contaminación por incineración ou o vertido.

+info

“PONTE NO MEDIO. MÓVETE POLO TERRITORIO”. Por unha ordenación sustentábel do territorio galego.

“PONTE NO MEDIO. MÓVETE POLO TERRITORIO”. Por unha ordenación sustentábel do territorio galego.

A campaña “PONTE NO MEDIO, MÓVETE POLO TERRITORIO” nace en 2011 co obxectivo de poñer freo aos proxectos especuladores co territorio galego e procurar unha alternativa sustentábel de ordenación territorial. Esta iniciativa pretende, por unha banda, reunir nun movemento social común a todos aqueles colectivos e entidades que están a denunciar illadamente a destrución e ameazas que está a sufrir o territorio galego en todos os seus ámbitos; e, por outra, instar ás administracións públicas a tomar medidas concretas cara a unha ordenación do territorio sustentábel. O uso incorrecto de recursos básicos para a nosa subsistencia, o dispendio e extorsión do medio natural como recurso indispensábel para o porvir das xeracións vindeiras e a degradación do único instrumento que temos para superar con éxito a grave crise ambiental e económica que vivimos —o territorio—, fan precisa a reflexión e cambio de rumbo da actual política territorial.

+info

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal