ADEGA

Inicio / Proxectos / A Eira da Xoana

A Eira da Xoana

ADEGA bota a andar un proxecto de educación e recuperación do patrimonio ambiental co nome de Aldeaverde. A iniciativa pretende crear un Centro de educación ambiental e do patrimonio cultural. A EIRA DA XOANA quere ser un espazo de achegamento ao mundo rural e ás súas particularidades, tomando o Alto Ulla como exemplo do medio rural e das súas posibilidades de futuro.

O Alto Ulla como exemplo do medio rural galego

A Ulloa é unha comarca que ten sufrido un importante éxodo e unha das súas características máis salientábeis é ser un territorio que en boa medida conserva a paisaxe e as costumes rurais (aínda que xa con síntomas de deterioro evidentes). A elección deste territorio para desenvolver este proxecto responde tamén a experiencia de traballo previo que membros de ADEGA teñen realizado na zona, tanto en proxectos de educación e equipamentos de educación ambiental como en iniciativas de dinamización cultural ou en procesos de defensa do territorio ou de recuperación de oficios tradicionais.

O proxecto

A Eira da Xoana é un Centro de Educación Ambiental e Patrimonial que, desde o medio rural e para o medio rural achega a cidadanía galega á cultura e ao bo facer das nosas tradicións, retomando e divulgando os aspectos que fixeron que esta cultura fose sustentábel durante séculos, así como aportar ideas novas que melloren a situación do rural.

Pretendemos que A EIRA DA XOANA sexa un referente no país pola súa calidade (humana, traballo, proxecto, coherencia, ...) e que sexa un motor de desenvolvemento para a comarca, dinamizadora do ecoloxismo, asociacionismo local, etc.

Plano de traballo

O proxecto Aldeaverde ten dúas liñas de actuación; por unha banda a investigación sobre as prácticas tradicionais sustentábeis e pola outra o fomento e divulgación destas prácticas ambientais como exemplo de sustentabilidade. As prácticas recollidas pasarán a ser un reservorio de ideas para aplicar á crecente problemática ambiental. Neste traballo de investigación e recuperación de prácticas tradicionais preténdese integrar como suxeitos primordiais a poboación local.

Na outra vertente do proxecto a divulgación ADEGA pretende crear unha equipa multidisciplinar formada por persoal da asociación así como por poboación da comarca.

Na primeira fase do proxecto, ADEGA partiu da súa experiencia no ámbito dos residuos e a auga para facer que o centro sexa un modelo na xestión dos residuos (facendo fincapé na recuperación da tradicional esterqueira e dándolle o tratamento axeitado aos residuos restantes) así como un exemplo no tratamento de augas residuais, mediante a construción dunha depuradora baseada na tecnoloxía de humedais, sistema desentralizado e de baixo custo, tratamento axeitado para pequenos núcleos, así como para casas illadas. Tamén se aposta pola reutilización das augas grises e de chuvia.

Á hora de rehabilitar a casa seguíronse igualmente criterios de sustentabilidade, tanto no deseño do equipamento como na eficiencia enerxética (mediante sistemas pasivos ou a instalacións de placas solares). Empregáronse na medida do posíbel materias locais.

A Eira da Xoana está a ser empregada como un equipamento de educación ambiental, que se pode visitar durante todo o ano e que será o referente para ADEGA no ámbito da Educación Ambiental ao establecerse como sede dos distintos proxectos que se están a levar adiante na actualidade (Proxecto Ríos, Compostaxe caseira, Fogares Verdes, obradoiros con mulleres do medio rural).

Sinerxias coa poboación local

Para o desenvolvemento do proxecto (equipo educativo, mantemento, etc) ADEGA conta con persoal especializado así como coa participación dos veciños da zona, mantendo a posibilidade de realizar cursos monográficos na comarca dos que poidan saír persoal que traballe no equipamento (cociña, educación ambiental, produtos da terra, etc). Así mesmo se traballará dun xeito activo nos proxectos dinamizadores que xa están funcionando na comarca (Proxectos de Custodia do territorio do Sobreiral do Arnego, Milhulloa, Balneario de Pambre, Manocomunidade de Montes Ramil-Basadroa, A Casa da Terra, etc ).

A poboación local será parte activa do proxecto xa que son posuidores dunha ampla bagaxe de saberes e prácticas tradicionais sustentábeis. Dende ADEGA, entendemos que con estas actividades, poñemos en valor tanto os seus coñecementos coma a súa función na conservación do medio e da paisaxe galega.

Todas estas propostas estanse a traducir en diferentes accións que ADEGA vén realizando desde o ano 2010 todos os primeiros sábados de mes ou en xornadas especiais nas que participan simpatizantes, veciños e veciñas do lugar e voluntariado ambiental.


Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal