ADEGA

Inicio / Organización / Delegacións / Lugo

Lugo

Ronda das Fontiñas, 180 - Entrechán
27002 Lugo

  • Teléfono: 982 240 299

Todos os mércores ás 20.30 horas hai xuntanza semanal no local.

Achégate!

A delegación de ADEGA-Lugo realiza reunións semanais nas que entre todas e todos as socias e socios que se achegan organizamos as accións a desenvolver, dun xeito asembleario e participativo. Nestas xuntanzas tamén escoitamos a toda aquela persoa que acude a nós na busca de solucións e/ou orientación ante algún problema ambiental.

Apoiamos e/ou organizamos/colaboramos en determinados actos reivindicativos, facendo especial fincapé no que acontece na nosa provincia, actuando ante feitos puntuais (contaminación de ríos, talas ilegais.....), ou aqueles que teñen mais continuidade no tempo e que non perdemos de vista.

Reivindicacións principais

ADEGA gañou a loita na defensa da Rede Natura en Rinlo

Defendemos o noso patrimonio natural, reivindicando a súa conservación e divulgando a importancia da súa posta en valor. Sirvan como exemplo o noso traballo de investigación e denuncia no plano urbanístico: PXOM de Lugo, estudo de inundabilidade e cartografía do Río Rato, accións xudiciais contra  o Plan Sectorial de Barreiros, ou a defensa da Rede Natura contra os proxectos acuícolas especulativos e contaminantes. O caso gañado da piscifactoría de Rinlo (Ribadeo) foi un fito para a historia da nosa organización e, en xeral, para o movemento ecoloxista galego.

Tamén estamos alerta ante as agresións que sofren os nosos ríos, actuando ante vertidos ilegais ou proxectos de minicentrais ou megacentrais hidroeléctricas que atentan contra os nosos recursos fluviais (Ulla, Navia, Miño, Tarrío, Loio, ...).

Outros dous ámbitos de denuncia habitual de ADEGA-Lugo son as talas ilegais que salpican cada vez máis á provincia, e as canteiras que destrúen paraxes naturais de gran valor e beleza (Courel, Ancares, Xistral...).




Roteiros

Participa nos roteiros de ADEGA-Lugo!

Organizamos cada ano, unha xeira de roteiros ou percorridos polo territorio galego na busca do achegamento da sociedade galega á realidade ambiental, paisaxística, social e cultural. Neles, guiados por expertos coñecedores da zona, aprendemos, gozamos e convivimos ao tempo que camiñamos disfrutando do noso patrimonio natural e cultural.

Os roteiros están dirixidos, polo xeral, a toda a poboación galega e sen exclusión de idade. Son dunha lonxitude non superior ao 16 quilómetros e de xornada completa. O custe de cada actividade é de 12 euros para socios/as de ADEGA, 18 euros para non socios/as, 15 euros para  estudantes ou desempregados/as e 5 euros para menores de ata 14 anos. Os participantes deberán levar para o camiño comida e calzado e roupa axeitados e reservar praza, como mínimo con 3 días de antelación, a través de email (adegalugo@adega.gal) ou dos teléfonos 982240299 ou 679113718. Para máis información ou dúbidas, por favor chamade ao 982240299.




Proxectos

Apoiamos e colaboramos en todos aqueles proxectos que ADEGA ten en marcha de Educación ambiental: Proxecto Ríos, Limpeza de praias, Charcas con vida, Eira da Xoana; pero desde a delegación tamén levamos a cabo proxectos de envergadura como "Cultura e Territorio". Desde o ano 2011, en colaboración coa Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, promovemos este proxecto divulgativo, participativo e que busca defender o noso patrimonio cultural e natural a través da nosa identidade territorial. Neste proxecto enmarcamos charlas-obradoiro, concursos (fotografía, relatos e curtametraxes), xornadas de divulgación, actos lúdicos e reivindicativos (exposicións, festivais de humor...), ciclos documentais e moitas outras cousas.

Foi na delegación de ADEGA-Lugo onde naceu en 2005 Radio CERNA. Desde aquí, realízase  diariamente o espazo radiofónico de ADEGA. A través deste medio, tentamos dar información sobre todos aqueles aspectos ambientais, culturais e sociais cuxa finalidade sexa acadar a protección do noso entorno e mellorar a nosa calidade de vida, desde a seriedade e o rigor.

En Rede con...

ADEGA Lugo establece sinerxias con outras entidades sociais, culturais, ambientalistas, etc. da provincia, na busca de obxectivos comúns. Actualmente forma parte de movementos ou plataformas que están a traballar pola defensa dos valores ambientais e culturais de Lugo como o Movemento Muralla Viva, o Foro do Camiño Primitivo, o GDR Terras de Lugo, etc. ADEGA tamén é membro dos órganos de participación das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares lucenses.

Puntualmente tamén establecemos colaboracións con outras entidades sen ánimo de lucro, coa Universidade, colexios profesionais e con todo tipo de institucións.



ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal