ADEGA Cadernos

Artigos de Auga e ríos

Presentación

Manuel Soto Castiñeira

Caderno nº 11 - Auga e sustentabilidade

Páx.5 - 6

É no contexto de debate científico sobre a necesidade dunha nova cultura da auga no que queremos situar este caderno, que comeza por prestar especial atención a percepción sociocultural da auga pola sociedade galega tradicional, nun escenario que poderíamos denominar de sustentabilidade e no que a auga xogaba un papel cotián e de grande importancia. Continuamos coa descripción dos impactos que os usos actuais, nunha Galiza xa moderna e cun alto nivel de consumo, están a causar nos ecosistemas acuáticos galegos, avaliando mesmo a gravidade dos mes-mos. E pasamos a centrar a atención na prevención do consumo de auga e da súa contaminación (captación de augas limpas e devolución de augas contaminadas aos ecosistemas), con exemplos e alternativas centradas tanto no sector industrial como no doméstico. Por último, realízase unha avaliación das alternativas de xestión e tratamento das augas usadas, eido que tamén mostra grande importancia no que se refire á sustentabilidade. Abórdanse por tanto dúas cuestións, prevención do consumo e contaminación da auga, por unha banda, e alternativas de saneamento, por outra, que até o de agora teñen recibido pouca ou nula atención na Galiza.

Auga e ecosistemas acuáticos:calidade e biodiversidade

Fernando Cobo e Marcos González

Caderno nº 11 - Auga e sustentabilidade

Páx.13 – 22

A auga é o produto máis consumido do mundo, pero a auga non é só un recurso, se non que se trata do compoñente básico da biosfera. Un río ou un lago non son simples masas de auga ou canais por onde discorre un fluído que se pode utilizar ao antollo da demanda sen ter en conta que son ecosistemas de incalculábel valor por sí mesmos, formados por multitude de organismos froito dunha longa evolución. A auga é tan só o medio onde se desenvolve cadansúa biocenose dos diferentes ecosistemas acuáticos continentais. Confundir os ríos ou lagos coa auga que conteñen é como valorar a creación literaria en función da calidade do papel sobre o que se imprime a obra.Fernando Cobo e Marcos González descobren para nos a auga e todo o que se esconde nela.

As augas en Galiza. Evolución dos usos e aspectos socio-culturais

Afonso Sánchez Regueiro

Caderno nº 11 - Auga e sustentabilidade

Páx. 7 – 12

A auga hai que entendela como bastante máis que un recurso a controlar e repartir entre unha serie de usuarios, aínda que moitas veces sexa esta a súa manifestación máis evidente e coñecida. É necesario dar paso a unha historia de carácter máis popular, máis pendente do(s) individuo(s) e, neste sentido, a análise precisa da intervención de diversidade de disciplinas, desde o estudo dos aspectos xeográficos, históricos, socioeconómicos e ecolóxicos ata a atención aos factores antropolóxicos e etnográficos. Nesta liña, a antropoloxía e a etnografía, como instrumentos de análise histórica, tamén son ferramentas indispensables para investigar e entender o complexo mundo vinculado á auga, permitindo achegarnos un pouco máis ao coñecemento dese patrimonio económico, ecolóxico e social que define Aguilera Klink. O presente artigo pretende incidir nesta liña de traballo, prestando especial atención á evolución nos usos da auga mais tamén aos factores culturais e sociais que xiran ao seu arredor.

Augas residuais da industria:implantación de tecnoloxías limpas no sector conserveiro de produtos mariños

Francisco Omil Prieto

Caderno nº 11 - Auga e sustentabilidade

Páx.23 – 29

O autor deste artigo danos a coñecer as tendencias do uso da auga na industria. Céntrase nos novos procesos de fabricación que teñen como un dos seus principais obxectivos minimizar as necesidades de auga de proceso, que se basean na adopción onsite de plantas de tratamento específicas para tratar as correntes xeradas por un proceso determinado. Tamén fala sobre a optimización da selección e operación dos procesos de tratamento de augas residuais co obxectivo de combinar tanto a desexada alta calidade do efluente final como a minimización do consumo enerxético. No artigo ponse como exemplo de implantación de tecnoloxías limpas a unha empresa conserveira.

Equipamentos e prácticas aforradoras de auga nos usos domésticos

Virginia Rodríguez Álvarez e Ramsés Pérez Rodríguez

Caderno nº 11 - Auga e sustentabilidade

Páx.31 – 35

A visión que nos dan os satélites do planeta terra non é precisamente dun lugar de cores ocres e terras, senón dunha esfera azul: a cor da auga. Este elemento ocupa dous terzos do espacio do planeta, o planeta auga. Pero esta visión pode levar a engano, xa que de toda esta cantidade de auga só unha parte moi pequena é accesíbel para o consumo humano: o 0,007%. Non podemos esquecer que a vida e grande parte da humanidade naceron a beira da auga, dos ríos. Galiza, o país dos mil ríos, non é unha excepción. A auga dende sempre tivo uns usos moi variados, na rega de cultivos e prados, como enerxía para transformar moitas das colleitas, no uso doméstico, etc. E a nosa cultura deixa abondo probas desta dependencia da auga, por calquera recuncho do país, en forma de muíños, lavadoiros, fontes, curtidorías, mallos, etc, así como na cultura de tradición oral, refráns, contos....

Alternativas de saneamento e sustentabilidade

Manuel Soto Castiñeira

Caderno nº 11 - Auga e sustentabilidade

Páx.37 – 48

O enfoque tradicional do saneamento urbano baséase na centralización de pequenos e grandes efluentes mediante complexas, longas e custosas redes de transporte das augas residuais, para aplicar ao final, de momento só nalgúns casos, un tratamento primario, secundario ou terciario. O que segue céntrase na análise científico-técnica e ambiental do saneamento e a depuración, contrapondo a sustentabilidade dos diferentes modelos no plano xeral e identificando o interese dalgunhas tecnoloxías en particular. A descrición mais detallada dalgúns procesos e alternativas técnicas concretas abordarase no ADEGA-Cadernos nº 12.

ADEGA Cadernos
Travesa de Basquiños, nº 9 baixo. 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:adega@adega.gal