ADEGA Cadernos

Artigos de Mar e litoral. ADEGA Cadernos, artigos de investigación e revisión científico-técnica do eido ambiental, a ecoloxía e o desenvolvemento sustentábel

Depuración biolóxica de efluentes residuais de industrias conserveiras

Manuel Soto Castiñeira / Juan Manuel Lema Rodício

Caderno nº 2 - A economía e a ecoloxía do meio mariño

Páx.38-44

Nunha industria conserveira xerase un elevado número de augas residuais con características moi diferentes, en función do tamaño e produtos procesados, así como dos procesos técnicos utilizados e da xestión ambiental e da auga que se realice. O impacto ambiental dos efluentes foi valorado por Murado no seu artigo incluído neste mesmo número de ADEGA CADERNOS. Fundamentalmente tratase dos efectos do vertido de elevadas cantidades de sólidos en suspensión e materia orgánica solúbel facilmente biodegradábel, e en segundo lugar, de elementos nutrientes como o nitróxeno e o fósforo, que poden acharse tanto en forma inorgánica como orgánica.

¿A costa do mar? ou de costas ao mar

Luís Mª Pérez González

Caderno nº 2 - A economía e a ecoloxía do meio mariño

Páx.45-49

A poboación da Galiza litoral, vive primordialmente de cara ao mar: traballa no mar, come o que saca do mar, disfruta no mar…, vive e disfruta a costa do mar. Pois ben, observando os comportamentos das xentes do litoral, máis ben se diría que viven de costas ao mar.Este autor vai tratar de relatar os comportamentos observados nalgúns dos campos relacionados directamente co mar, sen pretender con elo facer un estudo exhaustivo da orixe da contaminación mariña.

Ordenación do litoral. Estratexias e instrumentos

Alfonso Díaz Revilla

Caderno nº 10 - Medio ambiente litoral

Páx.Páx.55-58

A Ordenación do Territorio debe dar resposta á preocupación xeneralizada polo medio ambiente natural cunha intervención positiva no mesmo, de recuperación das características naturais, de protección activa, e de posta en valor daquelas vantaxes competitivas que presenta. Neste sentido, o litoral é sen dúbida, un dos activos máis valiosos do territorio galego e un espazo clave para o futuro rexional. O planeamento municipal do Concello de Oleiros pode servir de referencia ao establecer planeamentos especiais que inciden non só sobre a porción marítima senón tamén sobre a terrestre, representando unha alternativa valente fronte aquelas que basean a súa estratexia nunha desecación ao infinito do mar.

Reforma da PCP: A visión dun patrón de pesca de baixura

Francisco Amado

Caderno nº 9 - Pesca sustentábel

Páx.7-8

Demasiados barcos explotan os mesmos recursos e a pesca non é rendíbel á hora de respectar os ciclos biolóxicos destes. A PCP (Política Común Pesqueira) supuxo a entrada de axudas públicas para modernizar a industria, o que trae consigo unha desestruturación do sector, xa que estas axudas priman aos pescadores menos comprometidos coa conservación de tales recursos. Polo tanto, é preciso a regulación e o apoio público adecuado cara á sustentabilidade. Paralelamente, hai connotacións socioculturais na comunidade pesqueira que condicionan que, ademais do anterior, o pescador se vexa obrigado a pescar máis e máis. Canto máis pescas, máis importante es na túa comunidade! Pero…, desgraciadamente, menos solidario. Canto máis pescas, menos fica para os demais. O sector pesqueiro necesita axuda, pero non a que se lle ofreceu ata agora. En primeiro lugar, a explotación sustentábel dos recursos debe ser o centro da reforma da PCP, pois os pescadores non queremos vivir das axudas públicas senón do que vivimos sempre: dos recursos que nos ofrece o mar e que, se o xestionamos, nos dará de comer a nós e aos nosos descendentes.

Problemas e riscos de contaminación nas rías galegas

Manuel Soto Castiñeira

Caderno nº 10 - Medio ambiente litoral

Páx.15-27

Estamos convencidos de que se non se toman medidas, o litoral galego no seu conxunto pode ter consecuencias negativas, pois xa hoxe temos abondosos exemplos de rías contaminadas e gravemente deterioradas nos seus valores ambientais e produtivos. Cumpre discutir cales son as prioridades e solucións que nos permitan seguir tirando beneficio dos ecosistemas litorais, dunha forma sustentábel.Por elo, preciso que toda a sociedade sexa consciente dos problemas e das solucións a deterioración das rías, que ofertas non son solución e que actuacións agravan o problema.

Xestión sostíbel da pesca

Juan Freire

Caderno nº 9 - Pesca sustentábel

Páx.9-27

Análise do problema da xestión pesqueira a nivel mundial extrapolado a Galiza a través da evolución das capturas pesqueiras e o estado actual destas con unha sobre-explotación e colapso abundante. Vemos como a comercialización é un problema para a xestión sostíbel e os efectos que este produce sobre os ecosistemas. Existen no mundo medio millón de pescadores industriais fronte a uns 12 millóns de pescadores artesanais, pero os primeiros capturan a mesma biomasa ou máis que os segundos. A pesca artesanal baséase máis no coñecemento e menos na técnica, factor que axuda a conservar ecosistemas. A acuicultura pode ter efectos ecolóxicos moi relevantes como a modificación de hábitats, introdución de novas especies…

ADEGA Cadernos
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:adega@adega.gal