ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Nova actividade de restauración de charcas...

12-09-2020

Nova actividade de restauración de charcas no Couto da Eirexiña o 12 de setembro

O sábado 12 de setembro ADEGA Vigo, xunto coa comunidade de montes de Rebordelo, voltan ao Couto da Eirexiña cunha nova acción de voluntariado. Nesta ocasión, a actividade ambiental vaise centrar na recuperación e restauración dun sistema de charcas en terreos do monte comunal de Rebordelo, na contorna do Pozo Negro, nas marxes do río Almofrei.

Así, durante esta actividade recuperaremos unhas charcas que nos últimos anos estiveron sometidas a un proceso de colmataxe, recuperando e diversificando este hábitat de enorme importancia para unha gran cantidade de anfibios.

Despois desta acción, faremos un xantar vexetariano na contorna do río, e se o período estival o permite, poderemos desfrutar dun baño no Almofrei.E xa para finalizar a xornada, realizaremos un roteiro interpretativo pola comunidade de montes de Rebordelo, xunto cunha pequena actividade de Eliminación de Especies Exóticas. Máis concretamente, centrarémonos na eliminación de varios pequenos pés de Robinia pseudoacacia.

Queres participar desta actividade?

Se queres apuntarte a esta actividade de voluntariado ambiental, podes inscribirte a través do seguinte formulario.

FORMULARIO


Tamén, se tes algunha pregunta, non dubides en contactar a través do correo adegavigo@adega.galLembra que a data límite para a inscrición nesta actividade é o vindeiro xoves 10 de setembro ás 13:00h, co fin de que poidamos ter tempo para formalizar o seguro de todas as voluntarias/os e xestionar o xantar comunitario.

Con motivo da crise sanitaria que estamos a vivir por mor da pandemia da Covid-19, esta actividade estará limitada a un máximo de 20 persoas. Durante a actividade de restauración de charcas ímonos dividir en dous grupos de 10 persoas cada unha para facilitar a distancia social. Para realizar a actividade será obrigatoria a utilización de máscaras, así como o emprego de xel desinfectante cada pouco, ademais de manter a distancia de 1.5-2 metros.

Vémonos no monte!!

Programa do voluntariado ambiental*

09:45h – Punto de encontro no estadio As Extremas (Carballedo)
10:00h – Inicio da actividade de restauración de charcas
14:00h – Xantar vexetariano na contorna do río Almofrei
15:30h – Roteiro interpretativo e eliminación de EEI
18:00h – Fin da xornada

*A actividade inclúe os seguros de responsabilidade civil e de accidentes, así como o xantar vexetariano.

Queres subscribirte á listaxe de difusión do proxecto? Así recibirás no teu correo toda a información relativa dos diferentes voluntariados ambientais do Couto da Eirexiña, xunto co formulario de inscrición de cada actividade.

http://eepurl.com/g_SzOb

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal