ADEGA

Inicio / Axenda / Almanaque / ADEGA en Bruxelas: Conferencia internacional...

Do 04-02-2020 ao 07-02-2020

ADEGA en Bruxelas: Conferencia internacional sobre Bosques e convención da FERN

ADEGA na Conferencia Internacional sobre Bosques na Comisión Europea

ADEGA estará presente os vindeiros días 4 e 5 de febreiro na Conferencia Internacional sobre Bosques para a Biodiversidade e o Clima que terá lugar nas dependencias da Comisión Europea, en Bruxelas. Neste foro abordaranse diferentes temas relacionados con:

1. A vulnerabilidade dos bosques fronte o cambio climático.
2. A protección e restauración dos bosques do mundo.
3. Prácticas de manexo forestal e financiamento para promover ecosistemas de alto valor para a biodiversidade.
4. Sinerxías entre países para a protección e restauración dos bosques.
5. Equipar á UE con información necesaria sobre ecosistemas forestais- Lanzamento do Sistema para información forestal (FISE).
6. Bosques como aliados na mitigación do Cambio Climático.
7. Administrar a terra para prever os lumes forestais.

Todas as sesións se transmitirán online en streaming e as presentacións publicaranse despois do evento. 

Retransmisión en streaming:
https://ec.europa.eu/info/events/international-conference-forests-biodiversity-and-climate-change-2020-feb-04_en

ADEGA no Encontro da FERN para unha UE ao servizo dos bosques

A organización europea FERN, que procura unha Unión Europea ao servizo dos Pobos e dos Bosques, aceptou a participación de ADEGA no encontro que terá lugar do 4 ao 7 de febreiro en Bruxelas para abordar o debate sobre as estratexias políticas e normativas que de aquí en diante terá que adoptar a UE sobre os bosques e as masas forestais de cara a conseguir preservar a biodiversidade e mitigar os efectos do cambio climático. En concreto, falarase do novo enfoque da UE sobre os bosques na Estratexia de Biodiversidade e na Directiva sobre Clima.

A esta xuntanza acudirá en nome de ADEGA a científica e investigadora do CSIC, Nieves Vidal, especializada no estudo e protección de especies forestais autóctonas. O obxectivo será trasladar a esta convención a problemática da eucaliptización en Galiza, ligado á perda de biodiversidade e á proliferación de incendios forestais, e a advertencia ante un novo horizonte aberto aos cultivos enerxéticos, ao que ADEGA se opón rotundamente, por implicar unha maior demanda de especies de crecemento rápido e a perda dunha maior superficie de bossque e de terras agrarias.

Agradecémoslle encarecidamente a Klaus Schenk, de Salva La Selva, que teña contado con ADEGA para acompañalo neste foro e que teña actuado de interlocutor entre a nosa entidade e a FERN.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal