ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Nova xornada de restauración ambiental no...

01-02-2020

Nova xornada de restauración ambiental no Couto da Eirexiña

O vindeiro sábado 1 de febreiro, ADEGA Vigo e a comunidade de montes de Rebordelo voltamos ao monte cunha nova actividade de restauración ambiental no Couto da Eirexiña.

Desta volta realizaremos unha xornada de repoboación con diferentes especies de árbores autóctonas co fin de completar traballos previos de rexeneración do bosque autóctono, ademais de centrarnos na eliminación de Eucalyptus globulus presentes na zona de traballo.

Como en outras ocasións, esta actividade de voluntariado e de educación ambiental ímola acompañar cun xantar comunitario e vexetariano na casa do pobo de Rebordelo.

Inspección de charcas polo Día Mundial das Zonas Húmidas

E pola tarde, despois do xantar e coincidindo que o día 2 de febreiro é o Día Mundial das Zonas Húmidas, realizaremos unha inspección de biodiversidade e do estado ecolóxico do sistema de charcas en custodia do Couto da Eirexiña.

Con esta actividade, coa que contaremos coa colaboración das compas de Levantando Pedras, queremos salientar o enorme valor ambiental que teñen estes ecosistemas, non só porque constitúen o hábitat de numerosas especies de flora e fauna, senón que diversifican a paisaxe, favorecen a biodiversidade e actúan tamén como corredores ecolóxicos. A súa protección é fundamental debido á fraxilidade destes ecosistemas ante o paradigma actual de Cambio Climático.

Préstache participar nesta actividade?

Se queres participar nesta actividade da delegación de ADEGA Vigo podes inscribirte cubrindo o seguinte formulario:

Formulario de inscrición


E se tes algunha pregunta, non dubides en contactar a través do correo de adegavigo@adega.gal.

A data límite para a inscrición nesta actividade é o vindeiro xoves 30 de xaneiro ás 13:00h, co fin de que poidamos ter tempo para formalizar o seguro de todas as voluntarias e xestionar o xantar comunitario.

Vémonos no monte!

Programa do voluntariado ambiental

09:45h – Punto de encontro na Casa do Pobo de Rebordelo
10:00h – Inicio da actividade de restauración ambiental
14:00h – Xantar vexetariano e comunitario na Casa do Pobo
15:30h – Roteiro interpretativo polos bosques de Rebordelo
18:00h – Fin da xornada

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal