ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Folga Mundial polo Clima en Galiza: únete...

Do 23-09-2019 ao 29-09-2019

Folga Mundial polo Clima en Galiza: únete e participa!

A iniciativa esixe a declaración, por parte das diferentes institucións, do estado de Emerxencia Climática e a adopción urxente de diferentes medidas para combater e contrarrestar os efectos do cambio climático que é xa unha realidade.

Galiza súmase ás mobilizacións: convocatorias por todo o país

A chamada mundial a facer concentracións en protesta pola situación climática tivo a súa resposta no noso país, onde os diferentes grupos locais do colectivo Fridays for Future convocaron asembleas para artellar a xornada e nas que se apelou á participación do tecido asociativo presente nas distintas cidades. Foi deste xeito que se creou o colectivo Movemento Galego polo Clima, do cal ADEGA fai parte xunto a máis de 60 entidades, e que naceu froito da vontade de diferentes asociacións ecoloxistas e sociais para unir forzas e brindar apoio á iniciativa. Durante as últimas semanas traballouse para concretar horarios e lugares, preparar material, organizar a loxística, etc. Así mesmo, parte dos esforzos adicáronse á elaboración dun manifesto galego propio que foi redactado en consenso e asinado polas diferentes asociacións implicadas.

Actualmente hai convocadas concentracións nas principais vilas galegas: A Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo e Vigo. Ademais, en moitos centros escolares está previsto realizar paros puntuais na actividade lectiva.

Actividades paralelas. Únete e participa!

Amais das propias concentracións, nalgunhas cidades programáronse axendas para os días previos e posteriores ao venres 27. Tal é o caso de Compostela, Vigo ou A Coruña, que contan cunha serie de actividades paralelas que teñen como finalidade dar unha continuidade ás vindicacións expostas no manifesto e achegar á cidadanía diferentes problemáticas medioambientais que afectan actualmente ao noso territorio, así como dar visibilidade ás propostas de diferentes colectivos  que levan anos apostando e defendendo modelos alternativos e sostíbeis de mobilidade, soberanía alimentaria, etc.

VIGO
Luns 23
. 19 horas. Presentación das actividades (Praza do Paseo de Alfonso). Fridays for Future, Movemento Galego polo Clima,
Martes 24. 19 horas (Aula D. Rúa Elduayen nº 36). Palestra: “Situación do monte galego: ferramentas participativas para a conservación.”, a cargo de ADEGA-Vigo“
Xoves 26. 19 horas (Cooperativa Árbore). Acto pola Soberanía Alimentaria, Marcha Mundial das Mulleres.
20.30 horas. Paseo de Alfonso. Bicicleando polo Clima, Masa Crítica de Vigo.
Venres 27. 11 horas. Concentración estundatil na Praza do Rei. 20 horas. Manifestación polo Clima 27S

COMPOSTELA
Martes 24.
18.30 horas (Casa do Matadoiro). Palestra: 'A eucaliptización de Galicia', ADEGA-Cousa de Raíces.
20 horas . Palestra Eco-feminista a cargo de Teresa Moure.
Mércores 25. 20 horas (Casa do Matadoiro). Bicicletada polo clima
Xoves 26. 19.00 horas (Casa do Matadoiro). Mesa redonda: "As caras do espolio", con ADEGA, Galiza un futuro sen Carbón e Plataforma Mina Touro-O Pino Non.
20 horas. Documental e coloquio: "Redes contra a política do espolio", con Xosé Bocixa.
Venres 27. 19.30 horas (Casa do Matadoiro). Manifestación polo Clima 

A CORUÑA
Martes 24.
19 horas (Obelisco). Faladoiro: “Cómo consumir dun xeito mais responsable, local e sen envases”, Zocamiñoca e O Recuncho do Granel.
Mércores 25. 19 horas (O Fiandón). Charla "Transición Ecolóxica, Mitigación e Prevención".
Venres 27. 12 horas. Concentración ante os centros de ensino. 20 horas. Manifestación polo Clima 27S, Xardíns de Méndez Núñez. 

LUGO
Luns 23
. Facultade politécnica. Palestra: 'O capitalismo non é verde'.
Mércores 25. Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. palestra: 'Por que arde o monte e que facemos?'
Xoves 26. Salón de actos de Maxisterio. 'O Cambio Climático dende un punto de vista científico'.
Venres 27. 12 horas. Manifestación polo Clima. Saída dende a Praza Horta do Seminario.
20 horas. Concentración diante do Concello.

OURENSE
Venres 27
. 20 horas. Concentración na Praza Maior 

PONTEVEDRA
Venres 27
. 12 horas. Concentración fronte á Subdelegación do Goberno. 20 horas. Manifestación dende a Praza da Ferreiría ata a Peregrina. 

FERROL
Venres 27
. 12 e 19.30 horas. Concentracións na Praza Amada García 

RIBADEO
Venres 27
. 20 horas. Concentración diante do Concello

Dende ADEGA animámosvos a procurar a convocatoria máis próxima, consultar a axenda completa das diferentes actividades e a participar delas e da manifestación polo clima que terá lugar o próximo venres 27 de setembro.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal