ADEGA

Inicio / Axenda / Almanaque / Roteiro a Pontevedra para ver as libélulas...

19-05-2019

Roteiro a Pontevedra para ver as libélulas do Lérez

O vindeiro domingo, 19 de maio, ADEGA-Lugo continúa coa xeira de andainas de “Fauna d’aquí”, viaxando ata Pontevedra cun roteiro polas ribeiras do río Lérez, onde descubriremos moitas especies que habitan nun ambiente tan influenciado pola actividade antrópica.

Emprazada no curso baixo do río Lérez, a cidade de Pontevedra conta coa principal zona húmida de todo o municipio, a Xunqueira de Alba. Situada na parte norte, a poucos metros do centro urbano, constitúe o maior espazo verde da cidade, que logrou sobrevivir á presión urbanística e a múltiples agresións. A Xunqueira de Alba foi declarada, no 2012, como o primeiro Espazo Natural de Interese Local (ENIL) de toda Galiza. Conta con hábitats de interese comunitario, algúns deles prioritarios, que acollen a numerosas especies de flora e fauna, moitas delas protexidas. Destaca a gran diversidade de aves, onde atopan un lugar de cría, alimento ou descanso durante as súas migracións, pero tamén resulta moi importante a poboación de insectos, principalmente de lepidópteros (bolboretas) e odonatos (libeliñas).

Neste ciclo de camiñadas dedicadas á posta en valor daquelas especies máis descoñecidas e ameazadas da fauna autóctona galega, as protagonistas da xornada serán as libeliñas ou odonatos. Trátase dun grupo de insectos de gran tamaño e coloración rechamante, asociado a masas de auga durante a maior parte do seu ciclo vital, e ao que pertencen libélulas (anisópteros) e cabaliños do demo (zigópteros). A estreita ligazón cos medios fluviais, convérteos en excelentes bioindicadores da saúde dos nosos ríos, polo que a alteración da calidade das augas pode poñer en perigo a conservación das súas poboacións.

No río Lérez, detectáronse dúas especies de libélulas recollidas na categoría “en perigo de extinción” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA): Gomphus graslinii (extremadamente escasa en Galiza) e Macromia splendens (en ríos de gran caudal e baixa velocidade, especialmente nas zonas máis térmicas do territorio galego). Durante a camiñada, as persoas participantes poderán aprender máis aspectos da bioloxía, principais factores de ameaza ou posibles propostas de conservación, ao contar coa colaboración de Gándara, experto en libeliñas.

Percorrido

A lonxitude do roteiro será de 12 km e a dificultade baixa.

Camiñarase por Pontevedra, ao carón do curso baixo do río Lérez, descubrindo moitas especies que habitan nun ambiente tan influenciado pola actividade humana. Desde a ponte do Burgo, collerase o Camiño Portugués cara Compostela ata as marismas da Xunqueira de Alba. Esta zona húmida sufriu múltiples agresións, pero foi recuperada e agora constitúe un hábitat ideal para algunhas especies de libeliñas ou odonatos. Farase unha parada para a observación e coñecemento da bioloxía destes interesantes insectos. A continuación, baixarase a carón do río Gándara ata a súa desembocadura. Xa de volta no Lérez, remontarase o seu curso pasando pola Illa das Esculturas para descubrir algúns dos segredos que agocha. Seguirase, deixando atrás o ambiente salino e na parte final do itinerario, poderán atoparse especies propias de auga doce.

Guiará o percorrido Roi Cuba, biólogo e membro de ADEGA.

Reserva a túa praza!

A reserva de praza deberá realizarse preferentemente a través do formulario de reserva da nova páxina web dos roteiros http://roteirosadegalugo.wordpress.com, aínda que tamén será posible facela por teléfono, no 982 240 299 ou no 670 260 440. As prazas cubriranse por orde de inscrición ata o mércores, 15 de maio, ás 14:00h.

Os custosda actividade irán destinados a pagar a xestión, transporte e o seguro obrigatorio. Os prezos son vantaxosos para os socios/as de ADEGA, menores de 14 anos, estudantes e persoas en situación de paro:

  • Xeral: 18€
  • Estudantes ou en paro: 15€
  • Soci@s de ADEGA: 12€
  • Ata 14 anos: 5€
O pago deberá efectuarse por adiantado e mediante transferencia bancaria ao número de conta que se indicará unha vez formulada a solicitude, a fin de facer efectiva a reserva.

Tamén será posible aboar o importe en metálico, antes do mércores ás 14 horas, presencialmente no local de ADEGA-Lugo (Ronda das Fontiñas, 180 - Entrechán).

O pago deberá efectuarse por adiantado e mediante transferencia bancaria ao número de conta que se indicará unha vez formulada a solicitude, a fin de facer efectiva a reserva.

Tamén será posible aboar o importe en metálico, antes do mércores ás 14 horas, presencialmente no local de ADEGA-Lugo (Ronda das Fontiñas, 180 - Entrechán).

Cancelacións

En caso de cancelación da reserva, prégase avisar o antes posible por teléfono.

A cancelación posterior ao período de inscrición suporá o aboamento íntegro do prezo da praza para evitar prexuízos económicos á organización.

Excepcionalmente, se a baixa se debe a motivos de saúde, procederase á devolución da metade do importe, previa presentación do correspondente xustificante médico.

Recomendacións

A saída do autobús terá lugar o domingo, 19 de maio, fronte á Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro, ás 8:00 horas.

Farase unha parada ás 9:30 horas, fronte ao Pazo de Congresos (San Lázaro) de Santiago de Compostela para recoller as persoas que queiran acudir desde alí.

Recoméndase aos participantes estar no punto de quedada 5 minutos antes da hora de saída, levar roupa e calzado impermeable e comida para o camiño. Neste caso, é moi aconsellable levar prismáticos para gozar de mellores observacións. O bo humor é cousa de todas/os! Anímate a participar!

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal