ADEGA

Inicio / Axenda / Almanaque / Roteiro pola Lagoa e areal da Frouxeira...

17-02-2019

Roteiro pola Lagoa e areal da Frouxeira (Valdoviño)

O vindeiro domingo, 17 de febreiro, temos unha nova cita co programa de roteiros de ADEGA-Lugo, “Fauna d’aquí”. Desta volta, achegarémonos ata a Costa Ártabra para coñecer de preto os valores ambientais, arqueolóxicos, históricos e paisaxísticos da lagoa e areal de Valdoviño.

Unha das xoias naturais da contorna é a lagoa da Frouxeira, un dos humidais máis raros e fráxiles do litoral europeo, pola súa interacción regular co océano, o que lle achega unha salinidade variable ao longo do ano e favorece a súa gran diversidade florística e faunística. Amosa especial relevancia para moitas aves, tanto sedentarias, invernantes ou en paso migratorio, atopando aquí un lugar de descanso na súa viaxe desde a costa occidental africana ata as súas zonas de cría, no norte de Europa. Así, na lagoa conviven anátidas, galiñolas, garzas, pilros, mazaricos, píllaras, …, con gaivotas choronas e corvos mariños, ou outras especies asociadas ás carriceiras, como a escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica), de distribución moi limitada e en perigo de extinción. Intentaremos descubrir e identificar algunhas destas aves coa colaboración de Xan R. Silvar, delegado en Ferrol da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

Este espazo está catalogado como Humidal de Importancia Internacional (Convenio Ramsar), forma parte da Rede Natura 2000 de Galiza (LIC Costa Ártabra e ZEPA Costa de Ferrolterra-Valdoviño) e está declarado a nivel autonómico como ZEPVN, Humidal Protexido e ZEC. Malia estar recoñecido por estas seis figuras de protección, os danos causados pola intervención humana nas últimas décadas están afectando gravemente ao seu réxime hidro-ecolóxico natural. Á extracción indiscriminada de area dos anos cincuenta e sesenta, que causou a desaparición de parte do ecosistema dunar, hai que sumarlle a destrución mecánica do peche natural da lagoa provocada polos traballos de urxencia realizados durante a crise do Prestige, así como a reiterada apertura dunha canle de desaugue artificial a través da barreira areosa e con maquinaria pesada sobre un medio extremadamente fráxil, promovida pola propia administración e que ADEGA denunciou en numerosas ocasións.

Poderemos coñecer máis sobre o impacto destas actividades e a importancia do traballo de eliminación de especies exóticas invasoras (EEI) vexetais que está a desenvolver a Asociación, da man de Nês Lopes, da directiva de ADEGA-Ferrol, quen guiará o noso percorrido.

Percorrido

Debido a algunhas pequenas modificacións no percorrido, condicionadas pola hora da preamar, a lonxitude final do roteiro será de 12 km e a dificultade media.Comezaremos a nosa andaina no Faro de Meirás, de forma cadrada e estrutura modernista, rodeado de impresionantes cantís, lugar elixido polo cineasta Roman Polanski para rodar algunhas escenas da película “A morte e a doncela”. Camiñaremos pola franxa de mato da Punta Frouxeira e baixaremos ata a praia para ver a zona de dunas e a desembocadura do río Magno. Seguiremos polo areal ata a canle da Lagoa da Frouxeira e achegarémonos ao estacionamento de Lago (lugar de Outeiro), desde onde nos desprazaremos ata o local social, no que se proxectarán imaxes documentais da SGHN sobre a evolución histórica da lagoa. Visitaremos o observatorio de aves de Lago e continuaremos polo paseo á beira da lagoa ata o Castro da Saíña, de forma semicircular e protexido por grandes acantilados, tornando ao aparcadoiro da praia, onde remataremos o noso itinerario.

Reserva a túa praza

Xa está aberto o prazo de inscrición! A reserva de praza deberá realizarse preferentemente a través do formulario de reserva, aínda que tamén será posible facela por teléfono, chamando ao 982 240 299 ou ao móbil 670 260 440.As prazas cubriranse por orde de inscrición. O prazo para efectuar a solicitude de praza remata o xoves, 14 de febreiro, ás 24:00 horas, polo que non se admitiránas reservas realizadas posteriormente.

Pago por adiantado e por transferencia bancaria

O pago deberá efectuarse por adiantado e mediante transferencia bancaria ao número de conta que che indicaremos unha vez formulada a solicitude, a fin de facer efectiva a túa reserva.

Os custos da actividade irán destinados a pagar a xestión, transporte e o seguro obrigatorio. Os prezos son vantaxosos para os socios/as de ADEGA, menores de 14 anos, estudantes e persoas en situación de paro:

  • Xeral: 18€
  • Estudantes ou en paro: 15€
  • Soci@s de ADEGA: 12€
  • Ata 14 anos: 5€

Cancelación

En caso de cancelación da reserva, prégase avisar o antes posible por teléfono.

A cancelación posterior ao período de inscrición suporá o aboamento íntegro do prezo da praza para evitar prexuízos económicos á organización. Excepcionalmente, se a baixa se debe a motivos de saúde, procederase á devolución da metade do importe, previa presentación do correspondente xustificante médico.

Recomendacións

A saída do autobús terá lugar o domingo, 17 de febreiro, fronte á Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro, ás 9:00 horas.

Recoméndase aos participantes estar no punto de quedada 5 minutos antes da hora de saída, levar roupa e calzado impermeable e comida para o camiño. Neste caso, é moi aconsellable levar prismáticos para gozar de mellores observacións, e chaleco reflector para os treitos pola estrada.

O bo humor é cousa de todas/os! Anímate a participar!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal