ADEGA

Inicio / Axenda / Almanaque / Roteiro: Os morcegos das Covas de Vale (Baralla)

20-01-2019

Roteiro: Os morcegos das Covas de Vale (Baralla)

En ADEGA-Lugo comezamos o ano cun novo roteiro do programa “Fauna d’aquí”, que terá lugar o vindeiro domingo, 20 de xaneiro. Nesta ocasión, visitaremos a contorna das Covas de Vale (concello de Baralla) para coñecer o seu importante valor paleontolóxico e ambiental, actualmente ameazadas pola posible explotación dunha canteira.

Enmarcadas nun dos moi escasos lugares de Galiza nos que se atopan afloramentos de rocha calcaria, os numerosos procesos de erosión kárstica superficial e subterránea ocorridos ao longo do tempo, deron lugar a un conxunto de cavidades naturais no territorio. A esta singularidade xeolóxica a nivel galego, hai que engadir o interese destas covas como rexistros paleoclimáticos moi precisos, xa que a súa composición e estrutura reflicte os cambios ambientais do pasado, que poden ser datados con exactitude. Ademais, habería que investigar os posibles restos de presenza de animais e homínidos prehistóricos, xa detectados noutras covas da contorna.

Debido á súa localización, destaca tamén a riqueza florística e faunística da zona, onde conflúen especies de diferente orixe bioxeográfica. A existencia destas covas naturais favorece especialmente a presenza dos morcegos, ao proporcionarlles un lugar de refuxio, recurso fundamental no seu ciclo vital para o descanso diúrno, reprodución ou hibernación. Poderemos afondar sobre a bioloxía, conservación ou falsas crenzas arredor destes descoñecidos, fascinantes e imprescindibles animais, ao contar coa colaboración de expertos de Morcegos de Galicia, programa que aglutina as iniciativas de investigación, conservación, divulgación e sensibilización realizadas desde a asociación Drosera.

Ao inicio da xornada, teremos a proxección en exclusiva do breve vídeo documental da campaña para a defensa e protección das Covas de Vale que ADEGA quere promover, ante a ameaza da posible explotación dunha canteira. Despois faremos un percorrido circular, no que poderemos falar do impacto ambiental e paisaxístico desta actividade, ao atoparse no traxecto unha canteira abandonada e tres en activo.

Percorrido

A lonxitude do roteiro será de 12,75 km e a dificultade media-alta.

Partindo da aldea de Vilaesteva, no concello de Láncara, realizaremos unha ruta circular, con marcados cambios de altitude. Ascenderemos ata o Monte da Serra, sobre os 1.000 m, desde onde gozaremos dunhas espectaculares vistas, podendo albiscar incluso Sarria. Pasaremos o Monte das Labradas, xa en Baralla, e descenderemos por fermosas corredoiras entre bosque autóctono ata o pobo de Vale e as súas Covas.

Achegarémonos a varias entradas destas cavidades, ás que non poderemos acceder debido á súa dificultade. Despois de xantar, continuaremos a andaina entre prados, acivros e frondosas pola zona de Abeleira, ata chegar a Casa Estevo e á vella canteira de Vilaesteva, punto de inicio e fin do noso itinerario.

Reserva a túa praza!

Xa está aberto o prazo de inscrición! Como ben sabedes, a reserva de praza terase que facer preferentemente a través do formulario de reserva, aínda que tamén será posible facela por teléfono, chamando ao 982 240 299 ou ao móbil 670 260 440.

As prazas cubriranse por orde de inscrición. O prazo para efectuar a solicitude de praza remata o xoves, 17 de xaneiro, ás 24:00 horas, polo que non se admitirán as reservas realizadas posteriormente.

Se por algunha razón xustificada, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible. A cancelación posterior ao período de inscrición suporá o aboamento íntegro do prezo da praza.

A SAÍDA do autobús terá lugar o domingo, 20 de xaneiro, fronte á Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro, ás 9:00 horas. O roteiro será de xornada completa.

Pago por adiantado e transferencia bancaria

A partir de 2019, o pago desta actividade deberá efectuarse por adiantado e mediante transferencia bancaria ao número de conta que che indicaremos unha vez formulada a solicitude.

Os custos da actividade irán destinados a pagar a xestión, transporte e o seguro correspondente. Os prezos son vantaxosos para os socios/as de ADEGA, menores de 14 anos, estudantes e persoas en situación de paro:

  • Xeral: 18€
  • Estudantes ou en paro: 15€
  • Soci@s de ADEGA: 12€
  • Ata 14 anos: 5€

Recomendacións

Recoméndase aos participantes estar no punto de quedada 5 minutos antes da hora de saída, levar roupa e calzado impermeable, xa que pode haber zonas enlamadas, e comida para o camiño.

O bo humor é cousa de todas/os! Anímate a participar!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal