ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Xornada de voluntariado Ambiental na Lagoa dos...

17-11-2018

Xornada de voluntariado Ambiental na Lagoa dos Seixos (Candeán, Vigo)

Voluntariado Ambiental na Lagoa dos Seixos

O próximo sábado 17 de Novembro a delegación de ADEGA-Vigo, xunto coa C.M.V.M.C. de Candeán, organiza unha xornada de voluntariado ambiental na Lagoa dos Seixos. Esta Lagoa sitúase en terreos da Comunidade de Montes de Candeán e forma parte dun proxecto da restauración ambiental desenvolvida polas comuneiras e comuneiros da parroquia. Esta xornada procura difundir os valores ecolóxicos das charcas e contribuír ao estudo e conservación da Lagoa dos Seixos.

A actividade dará comezo ás 10:00h e o punto de encontro será no parque de estacionamento do parque forestal Vixiador-Candeán. Durante esta xornada de voluntariado, as tarefas a desenvolver serán as seguintes:

  1. Limpeza de Especies Exóticas Invasoras (EEIs)
  2. Estudo do estado da Lagoa para o proxecto “Charcas con Vida”
  3. Roteiro explicativo das actividades desenvolvidas pola C.M.V.M.C. de Candeán
Podes inscribirte na actividade enviando un correo a adegavigo@adega.gal indicando o teu nome, ou ben chamando ao teléfono 654581313 (Ángel).

A importancia das charcas nos ecosistemas galegos

As charcas son pequenas masas de auga que conforman ecosistemas de gran valor ecolóxico, as cales presentan unha enorme importancia, non só porque constitúen o hábitat de numerosas especies de flora e fauna, senón que diversifican a paisaxe, favorecen a biodiversidade e actúan como corredores ecolóxicos. Á súa vez, as charcas poden constituír espazos de enorme valor para a educación ambiental, permitindo amosar os valores naturais e ecolóxicos dos montes que nos rodean no noso día a día nunha área urbana como a de Vigo, aprendendo así a valorar e a conservar os espazos naturais presentes na nosa contorna.

A inspección da Lagoa dos Seixos permitirá retomar novamente o estudo da charca incluída dentro do proxecto de Charcas con Vida, cuxo obxectivo é a divulgación, recuperación e inventariado de charcas co fin de valorar e protexer estes hábitats.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal