ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / I "Conéctate ao Sol" de Lugo

Do 13-07-2018 ao 18-07-2018

I "Conéctate ao Sol" de Lugo

Por cuestións climáticas temos que ADIAR a cociña con fornos solares, pero mantemos as demais actividades do programa: visitas guiadas, mesa experimentación, expo, etc. Non faltes!

Os vindeiros días 13 e 18 de Xullo, ADEGA celebrará a primeira edición do “Conéctate ao Sol” de Lugo, unha actividade que pretende fomentar os potenciais aproveitamentos da enerxía solar na vida cotiá e que esta asociación ecoloxista xa ten desenvolto noutras cidades galegas, como Santiago de Compostela ou A Coruña.

Nun tempo no que o aforro enerxético e a procura de alternativas aos combustibles fósiles constitúe unha necesidade inminente, ADEGA quere demostrar que outra forma de enerxía é posible, cun recurso tan limpo e ao noso alcance, como é o Sol. Para iso,  realizaranse diversas actividades nun espazo participativo e experimental, coas que se pretende crear unha nova cultura enerxética baseada na redución e na eficiencia do consumo, encamiñada a mitigar o cambio climático.

Todas as actividades do I “Conéctate ao Sol” de Lugo estarán abertas ao público xeral e serán de balde. Esta edición acollerá unha  charla-obradoiro, unha exposición itinerante de 5 paneis, postos divulgativos e visitas guiadas no Centro de Lugo e no Museo provincial. ADEGA conta coa colaboración do Museo provincial, da Cooperativa Nosa Enerxía e da delegación lucense do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para o desenvolvemento do programa do I “Conéctate ao Sol” de Lugo.

Venres, 13 xullo: Charla-obradoiro de iniciación á construción dun forno solar

O venres 13 de Xullo, ás 17:30, terá lugar un obradoiro de iniciación á construción dun forno solar con caixas de cartón, no local de ADEGA-Lugo (Ronda Fontiñas, 180, entrechán). Previamente darase unha breve charla, onde se amosarán os diferentes mecanismos para cociñar co sol, as súas utilidades e beneficios. Aqueles participantes que desexen construír o seu propio forno artesanal, seguindo como modelo o deseño bioclimático e utilizando materiais reciclables, terán que inscribirse previamente.

Mércores, 18 xullo: Queda co Sol!

O mércores 18 de Xullo ADEGA celebrará a primeira “quedada” co Sol na Praza Maior de Lugo, onde se mostrarán diversos tipos de fornos solares, mais desta volta non poderemos cociñar con eles por cuestións climáticas. Esta parte deixarémola para cando as previsións meteorolóxicas sexan máis estables.

Aínda así, desde as 11.00 da mañá e ao longo de toda a xornada, poderase visitar a exposición itinerante “Enchúfate ao sol” de ADEGA e a mesa de experimentación e aprendizaxe da enerxía solar, na que haberá cargadores para o móbil, xoguetes solares ou unha maqueta de vivenda bioclimática.

Ademais, contaremos cun posto informativo de “Nosa Enerxía, S.C.G.”, onde se poderán coñecer as vantaxes do modelo cooperativo no consumo e aforro enerxético, apostando polas enerxías renovables, a sustentabilidade e a xestión transparente.

Ás 12:00 do mediodía, Raúl J. Veiga Lamelas -presidente do COAG en Lugo- e José Mª Alonso Montero -autor da rehabilitación da Catedral lucense- realizarán unha visita guiada duns 30-45 minutos polo Casco Histórico da cidade para amosar as curiosidades do aproveitamento do Sol na arquitectura tradicional lucense. As perssoas interesadas deberán acudir a esa hora ao posto de ADEGA situado enfronte ao Concello, na Praza Maior.

Ás 17:00 da tarde, o programa completarase cunha visita guiada ofrecida polo Museo Provincial de Lugo á colección de reloxos solares que se atopa exposta no claustro franciscano.

Inscríbete nas actividades guiadas nos teléfonos 982 240 299 ou 670 260 440

Para poder participar no obradoiro de iniciación á construción dun forno solar e nas visitas guiadas haberá que inscribirse previamente, chamando a ADEGA-Lugo aos teléfonos: 982 240 299 ou 670 260 440.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal