ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro a Póboa de Burón polo...

14-01-2018

Roteiro a Póboa de Burón polo Camiño Primitivo

Iniciamos o ano 2018 cun dos mellores roteiros de ADEGA-Lugo nos últimos 20 anos: De Parada Nova a Parada Vella, na Fonsagrada, polo Camiño Primitivo. Será o vindeiro domingo 14 de xaneiro.

Lonxitude: 17 km.
Dificultade: media.

Percorrido

Con este roteiro de ADEGA-Lugo percorreremos unha etapa do Camiño Primitivo que, aínda que marca o inicio da cultura xacobea universal e transcorre por lugares de grande interese histórico e ambiental, é obxecto de  alteracións humanas, que merecen ser coñecidas e denunciadas.

Partindo de Paradanova, o roteiro discorrerá pola traza histórica medieva de Póboa de Burón. Este núcleo acolleu a capitalidade do concello de Burón ata 1835, cando se trasladou á Fonsagrada. Son elementos patrimoniais destacables nesa vila a capela de San Xosé, a Torre: antiga casa do concello de Burón, a igrexa de Santa María de Madanela e, moi particularmente, os restos da fortaleza do Conde de Altamira, que foi duramente atacada durante as revoltas irmandiñas.

Deixando Póboa de Burón avanzaremos por lugares con diversos vestixios históricos que testemuñan a importancia desta rota de peregrinación, como é o caso de Xestoso de Palfito, onde se localiza o Carballo das Cruces, que acollía no pasado un antigo ritual fúnebre propio da cultura de montaña. Ascendendo ata o cumio do Montouto (1050 m), toparémonos co lugar no que se asentou un antigo hospital de peregrinos fundado no século XIV por Pedro o Cruel, e que mantivo unha certa actividade ata principios do século XX. Preto deste hospital consérvase un dolmen coñecido popularmente como “pedras dereitas”. O roteiro finalizará en Paradavella, tradicional poboado de montaña cun importante valor etnográfico pola presenza, entre outros elementos, de edificacións tradicionais: as pallozas.

Reserva praza!

A reserva de praza debe realizarse, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299) ou ao móbil (679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal co teu nome completo e número de contacto.

Ollo!: A partir do xoves, 11 de xaneiro, só poderás contactar con ADEGA a través do teléfono móbil, polo que recomendamos que reserves a praza antes.

Cubriranse as prazas ata que se esgoten.

SAÍDA do autobús terá lugar o domingo, 14 de xaneiro, diante da Facultade de Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 HORAS

Se por algunha razón, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible para dar cabida a que outra xente participe.

Os prezos para a realización desta actividade son:

  • Xeral: 18€.
  • Estudantes e desempregad@s: 15€.
  • Soci@s de ADEGA: 12€.
  • Ata 14 anos: 5€.
O pago realizarase no autobús.

As persoas participantes deberán levar a súa comida e roupa e calzado axeitados. 

O bo humor é cousa de todas/os!

Anímate a participar!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal