ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro ao Courel: soutos, castros e pontes

29-10-2017

Roteiro ao Courel: soutos, castros e pontes

Como vén sendo habitual, ADEGA-Lugo iniciará o seu programa de roteiros 2017-2018 cunha visita á Serra do Courel. Daremos comezo ao ciclo de andainas "20 Anos camiñando con ADEGA-Lugo" o vindeiro domingo, 29 de outubro, pecorrendo os camiños tradicionais da serra courelá, que nesta época de outono ofrece unha paisaxe especialmente máxica. Durante os vindeiros meses, ADEGA-Lugo convidaravos a celebrar o seu XX Aniversario de roteiros percorrendo as sendas máis fermosas e atracitvas que visitamos nas dúas últimas décadas.

lonxitude do roteiro será de 16km e de dificultade alta, debido á elevada pendente dalgúns tramos.

Percorrido

O roteiro será circular, con saída e chegada en Ferreirós de Abaixo. Daranos a oportunidade de gozar das fermosas paisaxes outonais do Courel, salpicadas de singulares elementos etnográficos como alvarizas e pontes. O percorrido discorre, na súa case totalidade, polas marxes do río Lor. Os principais puntos de interese son: o Pozo das Mulas, os castros de Fouciños e da Torre,  e a  aldea de Sobredo.

O Pozo das Mulas é un recuncho do río Lor que alberga un conxunto de rochas calcarias, algunhas de grandes dimensións, que teñen a súa orixe nun desprendemento da ladeira dende as abas do monte no que se asenta o Castro da Torre. Trátase dun lugar especial para deixarse arrolar polo barullo do río.

O Castro de Fouciños aséntase nun dos lugares máis abruptos da serra do Courel e aínda conserva vestixios de construcións feitas sobre un sistema de terrazas debido ao forte desnivel do terreo.

O Castro da Torre é un exemplo de castro tardío, habitado nos séculos III e IV d.C., e nel pódese ver restos de construcións de diferentes trazados. Esta atalaia  permite gozar dunhas impresionantes vistas dos canóns dos ríos Lor e Ferreirós, así como dos picos de Papoulas, Formigueiros, Piapaxaro, etc.

Sobredo  é un bo exemplo de aldea courelá rodeada de soutos de castiñeiros, especialmente fermosos nesta estación do ano

Reserva a túa praza!

A reserva de praza debe realizarse, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299) ou ao móbil (679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal co teu nome completo e número de contacto, polo menos con 3 días de antelación.

Ollo!: A partir do mediodía do venres 27 de outubro, só poderás contactar con ADEGA a través do teléfono móbil, polo que recomendamos que reserves a praza antes.

Cubriranse as prazas ata que se esgoten.

SAÍDA do autobús terá lugar o domingo, 29 de outubro, diante da Facultade de Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 HORAS

Se por algunha razón, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible para dar cabida a que outra xente participe.

Os prezos para a realización desta actividade son:

  • Xeral: 18€.
  • Estudantes e desempregad@s: 15€.
  • Soci@s de ADEGA: 12€.
  • Ata 14 anos: 5€.
O pago realizarase no autobús.

As persoas participantes deberán levar a súa comida e roupa e calzado axeitados. 

O bo humor é cousa de todas/os!

Anímate a participar!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal