Inicio / Axenda / Educación ambiental / Manifestación contra a Lei de...
22-10-2017
Chamamento a unha gran mobilización o vindeiro 22 de outubro
Vémonos o domingo 22 ás 12h na Alameda de Compostela.
Este día 17, o Parlamento Galego aprobou a Lei de Depredación de Galiza co enganoso nome de Lei de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais. Fixérono no mesmo pleno no que o Presidente da Xunta negouse a dar contas pola xestión da vaga de lumes destes días, cunha tramitación express e nun contexto especialmente delicado para o país.
Por desgraza isto non é novidade, cando sistematicamente a maioría absoluta é empregada para pasar por riba de calquera debate, argumentación, diálogo ou matiz que contraveña a visión que manexa o PPdG dende o Goberno. Ante isto, que facer?, calar?, deixar estar as cousas?, rendernos?
Imaxinas unha Galiza sen oposición, sen colectivos críticos, sectores sociais mobilizados, veciñanza na defensa ante certos proxectos ou intereses? Imaxinas que non existise unha voz alternativa e a posibilidade de facela audíbel? Esa debe ser a Galiza ideal dalgúns, pero non a nosa.
Esta lexislación é a posta en venda do país, por uns réditos políticos e económicos de curto prazo. Hoxe sinalan como como traba á burocracia, mañá poderán falar dos salarios, pasado mañá do gasto social. Na súa linguaxe somos trabas. Porque existimos.
Mais porque existimos poden aprobar leis, pero as maiorías absolutas non o son tanto ante a forza da comunidade. Nunca o recoñecerán, pero eles ben o saben. Non teñen que darnos voz, que a voz xa é nosa. Non teñen que darnos a palabra, que xa temos nós abondo. Do mesmo modo que o pasado luns miles de persoas racharon co discurso oficial para sinalar as responsabilidades políticas e berrar “lumes nunca máis”, temos na nosa man saír á rúa para deixar claro que non imos deixar que fagan o que lles pete de nós e da nosa natureza. O noso non ao seu modelo é o noso si a unha Galiza diferente.
Somos multitude as persoas e colectivos na arela de cambios, moi diversas nas nosas ideas, cheas de vida e alternativas. Estamos a facer día tras día, aínda que as veces non sexa sinxelo. O domingo é unha ocasión importante para botar fóra o desánimo, que xoga ao seu favor, facer ver que non admitiremos máis imposicións, nin agardar en pasividade unha nova vaga de lumes, outro Prestige, ou ter que marchar da terra porque abran unha mina ou un vertedoiro.
O noso destino non pode ser a impotencia e a rabia. Estamos en marcha e merecemos a esperanza.
Porque esta lei tamén é terrorismo ambiental.
Galiza di non á Lei de Depredación!
Vémonos o domingo 22 ás 12h na Alameda de Compostela.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal