ADEGA

Inicio / Axenda / Almanaque / Voluntariado ambiental nas Microrreservas de...

Do 28-05-2017 ao 31-05-2017

Voluntariado ambiental nas Microrreservas de Fisterra

O día 31 de maio de 2017 darase continuidade ás xornadas de voluntariado ambiental que se están a desenvolver no Concello de Fisterra, ao abeiro dunha axuda da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, cofinanciada co FEADER, no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) 2014-2020, centrada na creación dunha rede de microreservas de flora, como mecanismo para a conservación de hábitats prioritarios ou de interese comunitario, fomentando a participación activa da poboación local.  
Nas distintas actividades a realizar participará ADEGA, entidade con experiencia no eido da Educación e o Voluntariado ambiental en colaboración cos membros do Grupo de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela BCPV( GI-1291) “Biodiversidade e Conservación de Plantas Vasculares” Miguel Serrano e Roi Carballal.

As Microreservas de Flora propostas polo Concello de Fisterra, pretenden ser un modelo pioneiro de actuacións que sirva de referencia para futuros proxectos no ámbito litoral da Rede Natura 2000 na Galicia costeira. As actuacións están dirixidas de forma preferente a preservar hábitats prioritarios ou de interese comunitario e contempla varias liñas de actuación.  

Esta xornada de voluntariado, que continuará en dias sucesivos, incluirá diferentes actuacións: balizado e delimitación sempre permeable e estético, das microrreservas, o plantado de sebes vivas en zonas lindeiras con camiños rurais, a mellora do medio abiótico sobre o que se sitúan os hábitats (p.e., corrección de perfis dunares con Ammophila arenaria de procedencia local) ou  a mellora das condicións bióticas mediante eliminación de especies alóctonas invasoras presentes.

En todas estas actuaccións o papel da poboación local será fundamental, implicándoos na preservación e coñecemento dos valores da rede natura 2000 das súas parroquias, coa posibilidade de participar na mellora do hábitats, na eliminación de invasoras, nas experiencias de identificación e catalogación de especies e hábitats (bioblitzs) e nas valoracións e adecuacións dos roteiros ambientais que se proporán para ligar entre sí as diversas microrreservas. Ao involucar á poboación local nas actividades de voluntariado ambiental a desenvolver está a fomentarse a conservación do lugar facendo partícipes do mesmo aos usuarios máis vencellados ao territorio.      
A actividade é gratuíta. Se estás interesado/a en participar, haberá que anotarse contactantdo  no teléfono 650 261 283 / 981 57 00 99 ou por correo electrónico viqui@adega.gal

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal