ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro a Negueira de Muñiz: a vida comunal

21-05-2017

Roteiro a Negueira de Muñiz: a vida comunal

O domingo, 21 de maio, ADEGA-Lugo celebra o seu penúltimo roteiro do programa "Recuperando O Noso", que terá lugar en Negueira de Muñiz. Neste ciclo de andainas 2016-2017 puxéronse en valor iniciativas, proxectos ou experiencias que recuperan o noso patrimonio ou saber popular. En Negueira de Muñiz coñeceremos o proxecto de vida comunal dos veciños e veciñas de Ernes, Vilar e Foxos, que comezaron de cero desde que a construción do encoro de Grandas de Salime asolagara parte das aldeas da contorna. Estes veciños acolleranos na súa terra e guiaranos por unha interesante ruta que foi recuperada grazas ao seu esforzo e vontade. 

O percorrido será de 12 quilómetros e de dificultade media, agás os 3 primeiros quilómetros nos que a dificultade se achega á media-alta, debido á pendente.

Os veciños de Ernes que nos guiarán serán Dora, Xaquín, Luz e Salva.

Percorrido

Este roteiro levaranos a un concello no que excepcionalmente  se manifesta un certo rexuvenecemento do rural. O fenómeno ocorre nas aldeas que  os veciños tiveron que abandonar  arredor de 1960 debido a que a construción do encoro de Grandas de Salime asolagou parte das súas terras. Os lugares foron habitados nas vindeiras décadas por xente de procedencia diversa, algúns dos cales manteñen na actualidade interesantes proxectos de agroecoloxía (Cooperativa Ribeira do Navia), ao tempo que achegan novas vidas ao Concello. O roteiro é circular e o punto de partida será a aldea de Ernes (450m). O lugar está bastante ben conservado grazas ás xornadas de traballo comunitario que organizan os veciños e veciñas.

Percorrendo 3 km polo camiño da auga  (vía pola que chega a auga ata Ernes) subiremos  ata Vilar (600 m). Aquí visitaremos o proxecto da escoliña de Vilar, e un veciño (Salva) daranos información sobre  esta iniciativa que responde ao incremento de natalidade nestas aldeas. Logo dun descanso, baixaremos polo camiño real 3 km ata Foxo onde poderemos xantar á beira do encoro. Finalmente, dirixirémonos de novo ata Ernes seguindo o antigo camiño de carro durante 5 km. Ao longo do percorrido teremos ocasión de contemplar diversos elementos propios da forma de vida previa á construción do encoro: muíños, fontes, corrupias, cortíos, peches de fincas...

Reserva a túa praza!

A reserva de praza debe realizarse, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299) ou ao móbil (679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal co teu nome completo e número de contacto.

Ollo!: O luns día 15, martes 16 e mércores 17, só se anotarán as reservas por teléfono móbil.

Cubriranse as prazas ata que se esgoten.

SAÍDA do autobús terá lugar o domingo, 21 de maio, diante da Facultade de Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 HORAS

Se por algunha razón, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible para dar cabida a que outra xente participe.

Os prezos para a realización desta actividade son:

  • Xeral: 15€.
  • Estudantes, xubilad@s e desempregad@s: 12€.
  • Soci@s de ADEGA: 10€.
  • Ata 17 anos: 5€.
O pago realizarase no autobús.

As persoas participantes deberán levar a súa comida e roupa e calzado axeitados. 

O bo humor é cousa de todas/os!

Anímate a participar!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal