ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro: ferrarías e fornos da Pontenova

23-04-2017

Roteiro: ferrarías e fornos da Pontenova

O vindeiro domingo, 23 de abril, ADEGA-Lugo convídate a participar nun roteiro de 14 quilómetros para coñecer as ferrarías e fornos da Pontenova (Lugo). A ruta enmárcase no programa de roteiros 2016-2017 dedicado a coñecer o patrimonio material e inmaterial recuperado baixo o título de "Recuperando O Noso". Nesta ruta de abril, visitaremos ríos, fragas e elementos pertencentes á nosa cultura tradicional, como as ferrarías. Ao final da andaina, tamén coñeceremos os Fornos da Pontenova. 

O roteiro terá unha lonxitude de 14 quilómetros e a dificultade será media-baixa.

Percorrido

No roteiro percorreremos un dos bosques mellor conservados da provincia: A Fraga das Reigadas, encravada na Reserva da Bioesfera “Río Eo, Oscos e Terras de Burón”. O punto de partida será o lugar de Barreiros (785 m). Empregando varias pontes sinxelas, gozaremos  das fervenzas e muíños asociados ao río Reigadas, así como doutros elementos naturais e etnográficos da fraga, por exemplo, as ouriceiras.

Atravesando a Fraga de Vilarxuvín descenderemos ata a Ferrería de Bogo, un gran complexo hidráulico de muíño  e forxa, en activo dende 1534 ata finais do século XVIII,  que testemuña o aproveitamento do ferro asociado á forza motora do río Reigadas. Logo de atravesar as aldeas de Machuco, Muiñou e Panturreira, remataremos a ruta no lugar de A Ermida (160 m) e poderemos tomar un refrixerio na “tenda de Manolo”, unha peculiar taberna de aldea.

Para rematar a xornada achegarémonos á vila de A Pontenova para visitar un dos seus elementos patrimoniais más destacables: Os Fornos. Trátase dun vestixio da minería de ferro que tivo gran importancia na zona durante a primeira metade do século XX. Tras a calcinación nos fornos, o mineral obtido era transportado por tren 34 quilómetros ata o “cargadoiro de Ribadeo”, tendo como destino varios países de Europa (segundo o momento político).              

O camiño pode resultar escorregadizo, principalmente nas rústicas pontes, polo que recomendamos levar calzado que non esvare. 

Reserva a túa praza!

A reserva de praza debe realizarse, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299) ou ao móbil (679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal co teu nome completo e número de contacto antes do venres 21 de abril.

Ollo!: A partir do xoves 20 de abril só poderás contactar con ADEGA a través do teléfono móbil, polo que recomendamos que reserves a praza antes.

Cubriranse as prazas ata que se esgoten.

SAÍDA do autobús terá lugar o domingo, 23 de abril, diante da Facultade de Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 HORAS

Se por algunha razón, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible para dar cabida a que outra xente participe.

Os prezos para a realización desta actividade son:

  • Xeral: 15€.
  • Estudantes, xubilad@s e desempregad@s: 12€.
  • Soci@s de ADEGA: 10€.
  • Ata 17 anos: 5€.
O pago realizarase no autobús.

As persoas participantes deberán levar a súa comida e roupa e calzado axeitados. E, desta volta, tamén se recomenda o uso de calzado antiesvaradizo.

O bo humor é cousa de todas/os!

Anímate a participar!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal