ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro pola Devesa da Rogueira, na Serra do...

27-10-2013

Roteiro pola Devesa da Rogueira, na Serra do Courel

O percorrido

Serra do Courel

O domingo, 27 de outubro, ADEGA celebrará o primeiro "Roteiro H2O", que promove a Deputación de Lugo dentro do programa "A augas nos espazos naturais lucenses 2013", e que desta volta estará dedicado ás "Augas levadas".

Este roteiro permitiranos coñecer un dos lugares máis emblemáticos do Courel: A Devesa da Rogueira, un espazo de gran riqueza ecolóxica.  A súa frondosa vexetación empezou a medrar, tras a retirada dos últimos xeos, dun grandioso circo glaciar da aba norte da Serra do Courel ao pé do cumio máis alto, Formigueiros.

Este tapiz vexetal é unha esponxa de cores capaz de arrincar a auga do ar e das brétemas, para alimentar os seus dez regueiros, o río Seco que baixa soterrado e o río Lor. A auga destas canles permitiu ao longo dos tempos a rega (AUGA LEVADA) dos  prados que serviron de sustento á poboación do lugar. Poema de Uxío Novoneyra “ A devesa da Rogueira”  (Os Eidos 2, 1974)   O roteiro partirá do alto do Couto (1311 m).  Atravesando a fermosa Devesa  chegaremos ao miradoiro do Pico Polín, o punto máis alto da ruta (1374 m). Continuaremos camiño descendendo ata rematar no  Pontón, en Ferreirós de Abaixo (550 m).

Neste singular lugar degustaremos nun magosto un dos produtos máis valorados do Courel: as castañas.

Axudaranos a percorrer estes montes Orlando de “SOS Courel”.

A  lonxitude será de 10 km e a dificultade media, cun  considerable desnivel no último tramo.

Reserva de praza e saída

O roteiro será o domingo, 27 de Outubro. O autobús sairá de diante da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo ás 9.00 h.

Para reservar a túa praza debes cumprimentar o formulario que aparece na sección Terras do Miño da web da Deputación de Lugo: www.deputacionlugo.org, ou acceder directamente a el a través da seguinte ligazón:http://www.deputacionlugo.org/formulariosDeputacion/terrasmino_riorato13.html

A reserva debe facerse, polo menos, con 4 días de antelación á data do roteiro. Se precisas aclarar algunha dúbida sobre a reserva, podes chamar ao 982 22 78 12.

Se precisas aclarar algunha dúbida con respecto ao roteiro, podedes chamar ao 982 24 02 99 ou ou 679113718.

Leva comida para o  camiño e roupa e calzado axeitados. O bo humor é cousa de todos e todas!

Seguintes roteiros H2O

24 Novembro: Augas que furan - Covas de Furco (Becerreá).
15 Decembro: Augas que curan  (Guitiriz).

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal