ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro polas Fragas do Eume

19-02-2017

Roteiro polas Fragas do Eume

O  domingo, 19 de febreiro, ADEGA-Lugo realizará outro dos seus roteiros "Recuperando O Noso", ciclo de andainas 2016-2017 que poñen en valor iniciativas, proxectos ou experiencias que recuperan o noso patrimonio ou saber popular. 

Desta volta, visitaremos as Fragas do Eume, e dentro del o Parque etnográfico do río Sesín, o Mosteiro de Caaveiro, o Museo etnográfico da Capela ou a Escola-Museo de Gutriz. O percorrido será de dificultade media e duns 10 quilómetros.

Acompañaranos e guiaranos no percorrido a Asociación Cultural Roxín Roxal.

Percorrido

Neste roteiro percorreremos algúns dos fermosos sendeiros do Parque Natural (PN) das Fragas do Eume, pero tamén teremos a oportunidade de coñecer destacados elementos etnográficos da contorna. Así, principiaremos a xornada nas Neves (Concello da Capela) percorrendo da man de Secundino García, un dos seus inspiradores, o Parque Etnográfico do río Sesín, un interesante espazo natural recuperado, que alberga unha serie de muíños reconstruídos. 

Posteriormente, entraremos xa no PN, onde faremos un dos seus percorridos marcados, o denominado A Ventureira. O PN das Fragas do Eume é un dos bosques atlánticos de ribeira mellor conservados de Europa, aínda que o eucalipto tamén se faga visíbel en parte da súa área. Visitaremos o Mosteiro de Caaveiro, encadrado no propio Parque e, entre espazos de bosque autóctono, camiñaremos pola beira do río até as centrais do Parrote e o Eume

Despois da camiñada, uns dez quilómetros que se fan máis extensos pola estreitura da senda, a variedade da vexetación e o cambiante do terreo, visitaremos o Museo Etnográfico da Capela e, se tivermos tempo, tamén a Escola-Museo de Guitriz, un espazo recentemente inaugurado que replica con esmero unha escola rural da época franquista.

Lonxitude: 10 km.
Dificultade media. Prevese terreo escorregadizo, polo que se aconsella levar bastón.
Colabora: Asociación Cultural Roxín Roxal.

Reserva a túa praza!

A reserva de praza debe realizarse, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299) ou ao móbil (679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal co teu nome completo e número de contacto antes do venres 17 de febreiro.

Ollo!: A partir do xoves 16 de febreiro só poderás contactar con ADEGA a través do teléfono móbil, polo que recomendamos que reserves a praza antes.

Cubriranse as prazas ata que se esgoten.

SAÍDA do autobús terá lugar o domingo, 19 de febreiro, diante da Facultade de Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 HORAS

Se por algunha razón, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible para dar cabida a que outra xente participe.

Os prezos para a realización desta actividade son:

  • Xeral: 15€.
  • Estudantes, xubilad@s e desempregad@s: 12€.
  • Soci@s de ADEGA: 10€.
  • Ata 17 anos: 5€.
O pago realizarase no autobús.

As persoas participantes deberán levar a súa comida e roupa e calzado axeitados. E, desta volta, tamén se recomenda o uso de bastóns.

O bo humor é cousa de todas/os!

Anímate a participar!

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal