ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro Pendellos de Castro Verde

22-01-2017

Roteiro Pendellos de Castro Verde

O vindeiro domingo, 22 de xaneiro, ADEGA-Lugo realizará outro dos seus roteiros "Recuperando O Noso", ciclo de andainas 2016-2017 que poñen en valor iniciativas, proxectos ou experiencias que recuperan o noso patrimonio ou saber popular.

Desta volta, visitaremos Castro Verde, algúns dos seus elementos etnográficos recuperados e os seus montes de Cubeiro e Barredo, durante un percorrido de 15 quilómetros e de dificultade media.

Acompañaranos e guiaranos no percorrido a Asociación "Amigos do Patrimonio de Castroverde".

Percorrido: Monte Cubeiro - Barredo

Iniciaremos a xornada coa visita a un elemento etnográfico de gran relevancia nas feiras de Castro Verde: Os Pendellos. Percorreremos tamén o souto-carballeira da “Veiga do Olmo” e achegarémonos ao Mirador do Monte da Lomba. Trasladándonos en bus, visitaremos  Monte Cubeiro onde, ademais do cruceiro, a igrexa e convento, cómpre destacar o monolito á tráxica represión franquista que aconteceu nese lugar. Na parroquia de Pena veremos varios elementos salientables: un hórreo de influencia asturiana, unha fonte da época da II República, as penas do Eirado, etc. No ascenso á Serra de Monciro, pasaremos a carón do Pazo de Carballedo. Na cima da Serra veremos restos  dunhas mámoas e achegarémonos ao pé da Lagoa Grande. Descenderemos polo monte Seixiños ata a aldea de Córneas, onde ollaremos un carballo centenario. Seguindo camiño, pasaremos pola aldea de Vilaxurxo e chegaremos a Barredo. Dende aquí subiremos á interesante formación rochosa Pena Branca e, voltando  de novo a Barredo, remataremos o roteiro.

Reserva a túa praza!

A reserva de praza debe realizarse, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299) ou ao móbil (679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal co teu nome completo e número de contacto.

Ollo!: A partir do mediodía do venres 20 de xaneiro, só poderás contactar con ADEGA a través do teléfono móbil, polo que recomendamos que reserves a praza antes.

Cubriranse as prazas ata que se esgoten.

SAÍDA do autobús terá lugar o domingo, 22 de xaneiro, diante da Facultade de Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 HORAS

Se por algunha razón, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible para dar cabida a que outra xente participe.

Os prezos para a realización desta actividade son:

  • Xeral: 15€.
  • Estudantes, xubilad@s e desempregad@s: 12€.
  • Soci@s de ADEGA: 10€.
  • Ata 17 anos: 5€.
O pago realizarase no autobús.

As persoas participantes deberán levar a súa comida e roupa e calzado axeitados. 

O bo humor é cousa de todas/os!

Anímate a participar!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal