ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Proxección documental "Polas...

28-11-2016

Proxección documental "Polas Bravas!"

O vindeiro luns, 28 de novembro, ADEGA proxectará no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, ás 20:30 h., o documental "Polas bravas" de AVINZA GDR, no marco do IV Ciclo Documental “A Nosa Terra, A Nosa Cultura”. ADEGA promove este ciclo por cuarto ano consecutivo dentro da campaña "Ponte no medio. Móvete polo Territorio", destinada a defender o desenvolvemento sostible do territorio. Neste cine-fórum expóñense traballos audiovisuais galegos e en galego que dificilmente poden ser vistos nas canles habituais de difusión e que teñen que ver co noso patrimonio natural ou cultural. O ciclo documental, ademais conta coa apoio da Área de Cultura da Deputación provincial de Lugo.

Coincidindo cun dos momentos do ano no que máis se destaca o papel das mulleres na sociedade e se reivindica a súa igualdade con respecto ao xénero masculino, ADEGA decidiu dedicar esta segunda sesión do ciclo documental  tamén á muller, coa obra galega "Polas bravas", de AVINZA GDR. Este proxecto audiovisual retrata feitos e sentimentos de mulleres do rural ourensán, achegando unha visión íntima e profunda de varias mulleres sobre a vida. Segundo a  sinopse deste documental, o vídeo tamén ofrece un reflexo dos diferentes xeitos de gañar a vida no campo: desde a agricultura até a creación de leite de burra, mel ou pan. Este traballo da Asociación Avinza ten como protagonistas a seis mulleres que residen en concellos da Reserva da Biosfera Área da Allariz.

Charla-coloquio

Como en todas as sesións do ciclo, ao remate da proxección promoverase o diálogo entre os autores da obra e o público asistente, a xeito de reflexión, comentarios ou inquedanzas que suscite a obra. Desta forma, a sesión documental convértese tamén nun espazo de debate do que extraer conclusións e novas vías de acción, de dinamización do rural e de defensa da nosa cultura e territorio. Desta volta, contaremos coa presenza de Eva González Pérez, coordinadora de AVINZA GDR.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal