ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro polas Terras do Pambre: Feiras e Castelos

13-11-2016

Roteiro polas Terras do Pambre: Feiras e Castelos

O vindeiro domingo, 13 de novembro, ADEGA-Lugo organiza outra andaina dentro do programa de roteiros "Recuperando O Noso" para 2016-2017, que pon en valor proxectos, iniciativas ou actividades que intentan recuperar aquelo que forma parte da nosa cultura, tradición ou paisaxe. Desta volta iremos ás Terras do Pambre, onde visitaremos os seus castelos medievais e castro, e tamén pasaremos pola Feira de Outono da Eira, un exemplo de recuperación da tradicional feira galega. O roteiro será duns 10 quilómetros e de dificultade media-baixa.


Percorrido

Tras o traslado en bus desde Lugo, a xornada de andaina dará comezo ás 10:30 h no Castelo de Pambre, onde quedaremos con aquelas persoas que prefiran achegarse pola súa conta. Teremos a ocasión de visitar o interior desta fortaleza, despois de ser recentemente restaurada. Desde alí, dirixirémonos ao Castro de Remonde  percorrendo o camiño real, a ponte medieval sobre o río Pambre e os pasos sobre o Rego do Vilar. Trátase dun castro da idade de ferro que está localizado nus terreos que foron mercados pola Fundación EIRA (ADEGA) coa finalidade de promover a conservación e posta en valor deste ben patrimonial. Logo de deleitarnos coa visita ao castro, antecastro e parapetos, continuaremos a ruta polo camiño da Toca e chegaremos ao Castelo altomedieval do Remesedo. Desde alí teremos unha impresionante panorámica. Posteriormente o bus lavaranos ás inmediacións da Eira da Xoana (“casiña” de ADEGA radicada no Concello de Agolada), onde nos atoparemos coa celebración da X Feira de Outono da Eira e onde aproveitaremos para comer o habitual “bocata”. Na feira tamén haberá postos nos que abastecerse, se se prefire. Despois de xantar visitaremos as Brañas de Biduedo  (á proposta de ADEGA, unha zona de “custodia do territorio”) ou, se o tempo o permite, achegarémonos ás Torrentes de Mácara.

Reserva praza!

A reserva de praza debe realizarse, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299) ou ao móbil (679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal co teu nome completo e número de contacto. A túa reserva non estará efectuada ata que non recibas confirmación.

Ollo!: A partir do mediodía do venres 11 de novembro, só poderás contactar con ADEGA a través do teléfono móbil, polo que recomendamos que reserves a praza canto antes.

Cubriranse as prazas ata que se esgoten.

A SAÍDA do autobús desde Lugo terá lugar diante da Facultade de Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 HORAS.

Aqueloutras persoas que queiran achegarse ao roteiro pola súa conta, o punto de quedada será o domingo ás 10.30 horas no Castelo de Pambre. Estas persoas tamén deberán contactar con ADEGA previamente para dar conta da súa participación.

Se por algunha razón, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible para dar cabida a que outra xente participe.

Prezos

Os prezos para a realización desta actividade son:

  • Xeral: 15€.
  • Estudantes, xubilad@s e desempregad@s: 12€.
  • Soci@s de ADEGA: 10€.
  • Ata 17 anos: 5€.
O pago realizarase no autobús.

As persoas participantes deberán levar a súa comida e roupa e calzado axeitados. Aínda así, quen o prefira, poderá mercar nos postos da feira o seu xantar.

Anímate a participar!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal