ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro ao Courel: Seceda e a cultura da...

30-10-2016

Roteiro ao Courel: Seceda e a cultura da castaña

ADEGA-Lugo comezará o ciclo de roteiros "Recuperando O Noso" para 2016-2017 cun roteiro á Serra do Courel, o vindeiro domingo 30 de outubro. Nesta andaina visitarase á aldea recuperada de Seceda e participaremos nun magosto. Neste ciclo de rutas, ADEGA poñerá en destaque e dará a coñecer aquelas experiencias, proxectos ou iniciativas que tratar de recuperar o noso patrimonio natural, cultural, etnográfico, paisaxístico, etc.

Desta volta, acudiremos as fermosas ladeiras do Courel para contemplar o modelo de rehabilitación que se aplicou na aldea de Seceda e como se está a preservar a súa vinculación co mundo da castaña e dos soutos.

A lonxitude do roteiro será de 7km ou 10km, segundo as opcións que se explican a continuación. A dificultade será medio-alta, polas pendentes de subida e baixada.

Percorrido

O punto de partida do roteiro será o fermoso lugar de Seceda. Trátase, xunto con Seara, Cortes e Froxán, dunha das aldeas medievais  que foron restauradas nos anos 90 con axudas das administracións públicas. Seceda e Froxán están declaradas Bens de Interese Cultural (Lugares de Interese Etnográfico). 

Logo de visitar a particular arquitectura de Seceda e valorar o seu proceso de restauración, ascenderemos ao Alto de Veiga de Arcas (1100 m) percorrendo 3 km cunha pendente do 12%. Posteriormente, achegarémonos ao promontorio no que se sitúa o Castro da Torre (séculos II-IV d.C.) descendendo 4 km cunha pendente do 10%. Tras a parada neste conxunto castrexo haberá dúas opcións. Os camiñantes máis cansos/as poderán desprazarse en bus ata Ferreirós de Abaixo e os máis ousados/as continuarán andando outros 3 km, reuníndose finalmente ambos na singular taberna “O Pontón”. Aquí remataremos a xornada co tradicional magosto, degustando as saborosas castañas courelás.

Reserva de praza

A reserva de praza debe realizarse, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299) ou ao móbil (679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal co teu nome completo e número de contacto.

Ollo!: A partir do mediodía do venres 28 de outubro, só poderás contactar con ADEGA a través do teléfono móbil, polo que recomendamos que reserves a praza antes.

Cubriranse as prazas ata que se esgoten.

A SAÍDA do autobús terá lugar o domingo, 30 de outubro, diante da Facultade de Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 HORAS.

Se por algunha razón, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible para dar cabida a que outra xente participe.

Os prezos para a realización desta actividade son:

  • Xeral: 15€.
  • Estudantes, xubilad@s e desempregad@s: 12€.
  • Soci@s de ADEGA: 10€.
  • Ata 17 anos: 5€.
O pago realizarase no autobús.

As persoas participantes deberán levar a súa comida e roupa e calzado axeitados.

O bo humor é cousa de todas/os!

Anímate a participar!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal