ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Proxección do documental "A...

24-10-2016

Proxección do documental "A Seara"

O vindeiro luns, 24 de outubro, comezará a IV Edición do Ciclo documental “A Nosa Terra, a Nosa Cultura”, un ciclo de proxeccións que ADEGA organiza todos os anos dentro da campaña polo Territorio “Ponte no medio. Móvete polo Territorio". Trátase dun cine-fórum no que se expoñen traballos audiovisuais galegos, que dificilmente poden ser vistos nas canles habituais, e que teñen que ver con cuestións relacionadas coa defensa do noso patrimonio natural ou cultural.  

Desta volta, ADEGA proxectará para o público de Lugo tres obras audiovisuais. A primeira estará dedicada ao Medio Rural e mostrarase o vindeiro luns ás 20.30 horas no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo. O documental a proxectar será "A Seara", do director Pepe Coira. A peza retrata a historia de reconstrución dunha aldea do Courel chamada A Seara que, como tantas outras da serra, foi pouco a pouco quedando abandonada. A finais dos 90 proponse para ser obxecto dun proxecto de rehabilitación que pretende facer da Seara  un lugar máis atractivo para as visitas e máis acolledor para a vida. O traballo de Coira retrata o proceso de rehabilitación, a necesaria participación veciñal e as dificultades coas que se atopou o proxecto.  Así resumen os autores o seu traballo:  

Sinopse;
Este documental é a historia dun fracaso. Ou dun éxito. Ou dun fracaso que mereceu a pena. Na Seara do Caurel houbo un proxecto de rehabilitación para facer máis atractiva turisticamente a aldea. Para levalo a cabo, era imprescindible a complicidade dos veciños. Anos despois, os arquitectos rememoran aquela experiencia, os desexos cumpridos e incumpridos, os acordos e desacordos, as dificultades e logros  daquel proceso que os marcou e que marcou a vida da Seara.

Charla-coloquio

As diferentes sesións do ciclo permitirán a cidadanía intercambiar reflexións e experiencias cos autores dos diferentes traballos documentais e expertos dos diversos eidos sobre os que versan estas obras, creando deste xeito, un espazo de análise e debate do que extraer conclusións e novas vías de acción, de dinamización do rural e de defensa da nosa cultura e territorio.  

Por tanto, logo desta primeira proxección da IV Edición do Ciclo Documental polo Territorio, o público asistente poderá manter un coloquio con Pepe Coira, director e co-guionista da peza audiovisual e con Xurxo Salvador Fernández, arquitecto do GAU e tamén co-guionista da peza.

Este Ciclo Documental conta co apoio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal