ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro ao Castro de Espasante (Ortigueira)

22-05-2016

Roteiro ao Castro de Espasante (Ortigueira)

ADEGA-Lugo realizará o vindeiro domingo, 22 de maio, un novo roteiro dentro do ciclo de andainas "Memoria Pétrea", que este ano está dedicado a divulgar e coñecer o patrimonio material máis antigo. Desta volta, iremos coñecer o Castro de Espasante de Ortigueira, de camiño ao cal atoparemos outras marabillas da Natureza e mesmo pasaremos polo "mellor banco do mundo", outro fenómenos, mais non natural.


Percorrido

O percorrido total será de 13 quilómetros e de dificultade baixa-media e discorrerá pola chamada Ruta das Algas da costa de Ortigueira e Mañón.

Sairemos da praia de Esteiro, onde veremos, como o propio nome indica, o esteiro que forma o río Loiba na súa desembocadura. Seguiremos polo camiño do litoral bordeando  costa na zona dos cantís de Loiba, onde se sitúa o tan coñecido “mellor banco do mundo”, cunhas fermosas vistas á ría de Ortigueira, Cabo Ortegal e Estaca de Bares. Nesta zona, atoparémonos co Castro de Loiba e cos restos do muíño de vento de O Picón.

Seguiremos bordeando a costa polos abruptos cantís e praias de Loiba e Céltigos, onde aínda hoxe en día se segue levando a cabo o tradicional aproveitamento de algas.

Finalizaremos a ruta no pobo mariñeiro de Espasante, onde poderemos ver o particular xacemento de Punta dos Prados, no que destaca a planta semicircular e a presencia de baños de vapor a modo de sauna, algo excepcional nos castros galegos.

Dependendo do tempo, poderemos continuar a andaina pola costa ata Ladrido, bordeando a ladeira do Castro da Croa e desde onde teremos unhas vistas espectaculares da Illa de San Vicente. Recolleranos o bus no pobo de Espasante, rematando a ruta.

Guiaranos nesta ruta a Asociación local O Sendeiro, á que lle agredecemos enormemente o seu ofrecemento.

Para máis información: http://www.concellodeortigueira.com/turismo/intro3b.php?txt=rota_7&lg=cas
http://www.turismoortigueira.com/media/content/27/folleto_galego.pdf

Reserva praza

A reserva de praza debe realizarse, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299) ou ao móbil (679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal co teu nome completo e número de contacto.

Ollo!: A partir do mediodía do venres 20 de maio só poderás contactar con ADEGA a través do teléfono móbil, polo que recomendamos que reserves a praza antes.

Cubriranse as prazas ata que se esgoten.

A SAÍDA do autobús terá lugar o domingo, 22 de maio, diante da Facultade de Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 HORAS.

Se por algunha razón, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible para dar cabida a que outra xente participe.

Prezos

Os prezos para a realización desta actividade son:

  • Xeral: 15€.
  • Estudantes, xubilad@s e desempregad@s: 12€.
  • Soci@s de ADEGA: 10€.
  • Ata 17 anos: 5€.

As persoas participantes deberán levar a súa comida e roupa e calzado axeitados. O bo humor é cousa de todas/os!

Anímate a participar!

Derradeiro roteiro de "Memoria Pétrea"

O derradeiro roteiro de "Memoria Pétrea" discorrerá polo concello galego onde máis petróglifos hai por metro cadrado e onde se atopa un dos castros galegos máis rechamantes e fermosos do país, o Castro de Baroña, en Porto do Son.

Debido á convocatoria de eleccións para o día 26 de xuño, vémonos obrigamos a mudar a data prevista para a realización deste roteiro para o día 12 de xuño.

Para esta andaina, comezaremos a tomar nota das inscricións unha vez teñamos difundido na web información sobre a ruta.

Grazas!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal