ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro ao Castro de Fazouro (Foz)

17-04-2016

Roteiro ao Castro de Fazouro (Foz)

Unha vez máis, ADEGA-Lugo convoca a todo tipo de público a participar nun novo roteiro do ciclo de andainas pola natureza "Memoria Pétrea", que este ano está dedicado a divulgar e coñecer o patrimonio material máis antigo. Desta volta, acudiremos ao concello de Foz para coñecer o Castro de Fazouro, pero tamén fervenzas, fortalezas, camiños vellos, rías e praias. O próximo roteiro de ADEGA-Lugo celebrarase toda a xornada do domingo, 17 de abril.

Percorrido

A lonxitude do roteiro será de 13 quilómetros e a dificultade  media-baixa.

O roteiro (lineal, continuo e andarín) discorre sucesivamente polas parroquias de Fazouro, Nois e Cangas, do Concello de Foz.  Principiaremos a camiñar na fervenza da Pena da Ruxida, preto do Pazo de Fontao (s. XVII), en tempos unha das casas fidalgas máis sobranceiras da Mariña; percorreremos a senda arborada do Río Ouro (espazo LIC, con interesantes especies de fauna e flora, e vexetación riparia cada vez máis eucaliptizada) cara á súa desembocadura (após a igrexa parroquial de Fazouro e a Obra Pía de Vilarmea), na Ría de Fazouro e Praia da Pampillosa.

A partir de aquí seguiremos a liña de costa co Cantábrico sempre á dereita; en canto superemos os pendellos mariñeiros (“O Porto”), albiscaremos o castro litoral de Fazouro, verdadeiro referente deste roteiro; se a marea nolo permite baixaremos á Praia da Morneira ou Arealonga para observar os depósitos de turba que resultaron practicamente cubertos coa agresiva intervención de Costas no paseo litoral.

Despois de visitar o portiño, as vellas conserveiras e a igrexa parroquial de Nois, poderemos dar un paseo pola súa ribeira para comprobar a riqueza do intermareal, progresivamente minguada por mor da brutal invasión da alga “sargazo”.

Tras percorrer a recortada costa deste tramo, coa Pena Orxal ao fondo e o vento nordés ás costas, remataremos a ruta na igrexa parroquial de Cangas, coa posibilidade de alongala 1 km máis ata a praia da Areoura.

Reserva de praza

A reserva de praza debe realizarse, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299) ou ao móbil (679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal co teu nome completo e número de contacto.

Ollo!: Se queres facer a reserva despois do 14 de abril, só poderás facela a través do teléfono móbil; mais recomendamos que  non agardes moito para solicitar a túa praza, xa que se farán reservas ata que se esgoten.

A SAÍDA do autobús terá lugar o domingo, 17 de abril, diante da Facultade de Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 HORAS.

Se por algunha razón, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible para dar cabida a que outra xente participe.

Prezos

Os prezos para a realización desta actividade son:

  • Xeral: 15€.
  • Estudantes, xubilad@s e desempregad@s: 12€.
  • Soci@s de ADEGA: 10€.
  • Ata 17 anos: 5€.

As persoas participantes deberán levar a súa comida e roupa e calzado axeitados. O bo humor é cousa de todas/os!

Anímate a participar!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal