ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro polos Castros de Formigueiros, Goo e o...

28-02-2016

Roteiro polos Castros de Formigueiros, Goo e o petróglifo Agro do Pepe

O vindeiro domingo 28 de febreiro, ADEGA-Lugo organiza outra andaina dentro do ciclo de roteiros "Memoria Pétrea" que durante o ano 2016 está dedicado á visita dos elementos patrimoniais máis antigos que aínda acolle o noso territorio.

Nesta vindeira ruta moverémonos entre os concellos de Samos e O Incio, na provincia de Lugo, para visitar dous Castros, o Formigueiros e o de Goo, e un petróglifo dos máis curiosos que coñecemos, o do Agro do Pepe.

O roteiro terá unha lonxitude de 15 quilómetros e a dificultade será media-baixa.

*Nota: No programa de roteiros "Memoria Pétrea" a realización deste roteiro estaba prevista noutra data, pero ADEGA-Lugo tivo que mudala para o 28 de febreiro por motivos alleos á organización. Sentimos as molestias.

Percorrido

Castro Formigueiros

Iniciaremos a xornada coa visita ao Castro de Formigueiros, poboado castrexo da idade de Ferro e localizado na parroquia homónima do concello de Samos. En bus, dirixirémonos ao Val do Mao e dende aquí iremos andando ata a aldea de Sobrado. Neste punto principia  o singular  labirinto de pedras e un acolledor souto. Despois de visitar a aldea de Santa Cristina camiñaremos ata a canteira de caliza na que en 1961 se atoparon os únicos restos de Mamut localizados de momento en Galicia. Estes restos foron estudados e postos en valor polo científico Isidro Parga Pondal.  

Posteriormente,  subiremos ao Castro de Goo. Remataremos o roteiro baixando cara a Lebaste e Mosteiró, ás beiras do encoro de Vilasouto. Neste lugar contemplaremos o Petróglifo do Agro do Pepe  no que se  representan singulares figuras (como se mostra na imaxe).    

Durante o percurso, acompañaranos un guía de excepción, Luis Díaz, socio de ADEGA e gran coñecedor da zona.

Reserva de praza

A reserva de praza debe realizarse, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299) ou ao móbil (679113718) antes do venres 26 de febreiro.

Faranse reservas até esgotar prazas!

A SAÍDA do autobús terá lugar o domingo, 28 de febreiro, diante da Facultade de Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 HORAS.

Se por algunha razón, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible para dar cabida a que outra xente participe.

Prezos

Os prezos para a realización desta actividade son:

  • Xeral: 15€.
  • Estudantes, xubilad@s e desempregad@s: 12€.
  • Soci@s de ADEGA: 10€.
  • Ata 17 anos: 5€.

As persoas participantes deberán levar a súa comida e roupa e calzado axeitados. O bo humor é cousa de todas/os!

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal