ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Ciclo documental "A nosa Terra, a nosa...

26-09-2013 / Museo provincial de Lugo

Ciclo documental "A nosa Terra, a nosa Cultura": O medio rural

Dentro da campaña “Ponte no medio. Móvete polo territorio”, e dentro do seu proxecto “Cultura e Territorio”, ADEGA dará continuidade ao seu ciclo documental “A nosa Terra, a nosa Cultura” este xoves 26 de setembro ás 20h no Museo Provincial de Lugo. ADEGA desenvolve este ciclo documental en diferentes sesións que permitan visualizar varias obras documentais sobre como o devir do tempo afectou negativa ou positivamente ao noso territorio, a nosa cultura e por tanto ao noso país, reflectindo o sentir e a experiencia daquelas persoas que o viviron, facendo así mesmo unha análise da situación actual coñecendo de onde vimos e cara onde imos.   Concibido como un cine-fórum,  o tema tratado nesta terceira sesión será o “Medio Rural” e varias das súas problemáticas actuais: incendios, despoboamento, falta de servizos, etc. Proxectaranse dúas pezas documentais; “Que din os rumorosos” e “Somos acó”, e tras as proxeccións, terá lugar unha charla-coloquio cos autores das obras audiovisuais e un representante de ADEGA.

“QUE DIN OS RUMOROSOS” , de As Candongas do Quirombo

Sinopse: Se Pondal reescribise o Himno Galego en pleno século XXI seguramente mudaría a súa pregunta, pois unha nova árbore “senlleira” ocuparía o lugar dos pinos (piñeiros). O eucalipto medra nos montes galegos alimentado polos intereses económicos e os poderes que impulsan a súa plantación. Hoxe por hoxe é a árbore propia do país, mais, chegará un día en que será a única? (Dur: 2min,16seg).

“SOMOS ACÓ” de Filmika Galaika

Sinopse: O desmantelamento das escolas pública no rural, que xa viña de antigo, estase agravando por mor dos recortes, agrupando ciclos ou inclusive deixando a colexios de educación primaria con tan só dúas aulas. A falta de profesionais, recursos e servizos está pouco a pouco rematando co medio rural, pero os seus habitantes seguen a defender o seu dereito a unha vida digna e coas mesmas condicións que nas cidades.  (Dur: 30 min.).

Charla-coloquio

Na chara Charla-Coloquio intervirán: -Roi Carballido; produtor, editor e codirector do documental “Somos acó”. -Xabier Bruña; vogal de medio rural e montes de ADEGA.   Para máis información: 982240299, 667096124. Anxo Manoel Lamelo Fernández. Coordinador do proxecto.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal