ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro polo Castro de Viladonga, Río...

29-11-2015

Roteiro polo Castro de Viladonga, Río Azúmara e Monte da Escrita

O vindeiro domingo, 29 de novembro, ADEGA-Lugo organiza un roteiro polo concello de Castro de Rei que inclúe unha visita guiada ao Castro de Viladonga, a Ruta do Azúmara e a subida ao Monte da Escrita. O roteiro realízase dentro do ciclo de roteiros 2015-2016 denominado "Memoria Pétrea" e cuxo obxectivo será coñecer aqueles elementos patrimoniais da nosa cultura máis antiga, como son os castros.

A dificultade será baixa e a lonxitude de 8 km, podendo ampliarse opcionalmente en 3 km máis para subir á Serra da Escrita.

Percorrido

Principiaremos a xornada cunha visita guiada ao Castro de Viladonga e ao seu museo anexo. Neste castro da época tardorromana apareceu o torques que os Amigos da feira de Castro de Rei, promotores da ruta do Azúmara, tomaron como símbolo da mesma. No castro, iniciaremos a andaina polo Monte do Cordal desde o que hai unha ampla panorámica da Serra de Meira e do Pedregal de Irimia.

Atravesando o Monte das Penas irémonos achegando ás beiras do Río Azúmara. Avanzando pola súa ribeira chea de bidueiras poderemos ver a grandiosa Pena de Padorne. No lugar de Monelos deterémonos a contemplar a casa murada de Portas e un muiño. Atravesando o río pola Ponte de Lastra chegaremos á Mina de Arsénico, hoxe sen explotación pero moi relevante para a economía local na metade do século pasado. Seguindo a ruta chégase ao Muíño de Prado e finalmente remátase en Castro de Rei.

A ruta está salpicada con referencias a varios escritores vinculados á comarca: Manuel María, Marica Campo, Avelino Díaz, Lois Diéguez, Díaz Castro, etc.

Lonxitude:  8 km, de dificultade baixa.

*
Opcional (+ 3 km): ADEGA propón realizar ao final do día o via crucis que conduce á estatua do Sagrado Corazón, en plena Serra da Escrita desde onde se contempla unha das panorámicas máis fermosas da Terra Chá. Este engadido de 3 km máis será opcional.

Reserva de praza

A reserva de praza debe realizarse, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299) ou ao móbil (679113718) antes do venres 27 de novembro.

Faranse reservas até esgotar prazas!

A SAÍDA do autobús terá lugar o domingo, 29 de novembro, diante da Facultade de Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 HORAS.

Se por algunha razón, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible para dar cabida a que outra xente participe.

Prezos

Os prezos para a realización desta actividade son:

  • Xeral: 15€.
  • Estudantes, xubilad@s e desempregad@s: 12€.
  • Soci@s de ADEGA: 10€.
  • Ata 17 anos: 5€.

Recomendacións

O roteiro discorrerá por unha zona bastante húmida, polo que aconsellamos levar roupa e calzado axeitados (impermeable) para non mollarse.
O bo humor será cousa de todas e todos!

Anímate a participar!

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal