ADEGA

Inicio / Axenda / Educación ambiental / Voluntariado ambiental para recuperación...

05-07-2014

Voluntariado ambiental para recuperación de charcas

Xornada de Voluntariado para recuperación de charcas

A iniciativa de ADEGA Charcas con Vida convoca unha nova xornada de voluntariado ambiental que se celebrará o sábado 5 de xullo. O lugar escollido para esta nova actuación será o pequeno pobo da Regada (Lobios) ao pé do Parque Natural do Xurés.

Desta volta ADEGA colabora coa Asociación Arnau, que ten o seu ámbito de actuación na zona de influencia do Parque Natural do Xurés. A actividade programada céntrase na recuperación mediante labores de limpeza e retirada de sedimento dunha antiga poza de rega no pobo da Regada.

As pozas de rega foron antigamente moi abundantes en toda Galiza, e moitas delas ficaron abandonadas polo despoboamento rural. Empregadas polos habitantes das aldeas galegas tamén eran un punto indispensable para a vida acuática. Anfibios, aves, invertebrados … e tamén certos tipos de plantas ou algas son algún exemplos dos seres que se ven favorecidos ao recuperar as pozas de rega. Do mesmo xeito a recuperación axuda a conservar e poñer en valor o patrimonio etnográfico. Charcas con Vida amosa que moitas veces a recuperación do patrimonio natural e do cultural están intimamente ligadas.

A Asociación Arnau e ADEGA están a desenvolver actuacións de custodia do territorio, xa que grazas á vontade e esforzo da propia cidadanía e de entidades locais desenvólvense proxectos que axudan a conservar e poñer en valor o patrimonio.

Charcas con vida é unha iniciativa que conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia.

A actividade é gratuíta mais é preciso inscribirse. O voluntariado contará con seguro de accidentes e a comida durante a xornada que durará todo o día. Ademais ofrécese a posibilidade de pasar a noite do sábado no pobo da Regada de balde, e realizar o domingo algúns dos interesantes roteiros do Parque Natural do Xurés

Para participar contactar nos tlfs: 981 57 00 99 ou no 669 80 69 08; tamén por correo electrónico: lucia@adega.gal

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal