ADEGA

Inicio / Axenda / Outras actividades / MARCHA CONTRA CELULOSAS 2014

21-06-2014

MARCHA CONTRA CELULOSAS 2014

Manifesto 2014

POR DIGNIDADE… IMPIDAMOS UNHA NOVA PRÓRROGA A ENCE E ELNOSA!

ENCE e ELNOSA pretenden permanecer na Ría máis aló do 2018 e o PP non o vai impedir. O acordo Xunta-ELNOSA, que fixa o fin da actividade da cloreira no 2017, é papel mollado xa que non obriga á empresa a cumprilo. Pola súa banda, a modificación da Lei de Costas permite a concesión dunha prórroga de 50 anos a ENCE en Lourizán, unha prórroga que podería ampliarse 10 anos máis en función do que poña a empresa enriba da mesa.

Esta prórroga supón privatizar un espazo público que tiña que ser recuperado para o conxunto da poboación e dárllelo a unhas empresas privadas que sempre desprezaron a legalidade e á cidadanía. Pero supón tamén a destrución da Ría, dos recursos naturais, o medio ambiente e a economía da comarca; porque a creación de postos de traballo non vai vir nunca da man de ENCE-ELNOSA; porque a solución á crise e a creación de emprego de calidade só será posíbel cando o espazo que hoxe ocupan ENCE e ELNOSA sexa recuperado para a explotación racional do marisqueo, a pesca de baixura, o turismo e o sector forestal.

E non podemos permitir a usurpación do que é noso. Non podemos permitir unha nova prórroga que suporía o ataque frontal aos nosos dereitos, un novo chanzo no camiño cara á destrución do futuro a mans de ENCE-ELNOSA. Por iso, por máis pedras que nos poñan na nosa andaina, non imos recuar. O camiño pola recuperación da Ría non ten volta atrás e, hoxe máis que nunca, por dignidade, fronte á imposición dunha Lei inxusta, temos que amosar a nosa rebeldía na defensa dos nosos dereitos; temos que impedir unha nova prórroga a ENCE e ELNOSA.

HOXE MÁIS QUE NUNCA... ENCE-ELNOSA FÓRA DA RÍA!

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal