ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro polas terras do Val do Ser nos Ancares

27-04-2025

Roteiro polas terras do Val do Ser nos Ancares

O percorrido, duns 18 Km. e dificultade media-alta, aproveita nos primeiros tramos a recuperación do roteiro do Val do gato, sinalizado polos Veciños de Vilaquinte no ano 2020.

Iniciaremos a andaina no lugar da Prida (pq. de Vilaquinte), onde realizaremos o roteiro descrito, dende onde se poderán observar as preciosas vistas do espacio natural dos Ancares e os seus cumios. Unha vez realizado este pequeno traxecto, atravesarase o río Ser ata o Souto de Chaovilarín. Un interesante enclave onde se apreciarán elementos singulares na paisaxe (numerosos castiñeiros centenarios, ouriceiras, a fonte de Fontarón de augas ferruxinosas,etc).

Dende que se atravese a aldea de Chaovilarin proseguiremos ruta cara ós Olmos (última aldea da pq. De Vilaquinte), pola denominada Franxueira. Consiste nunha zona moi escarpada que está atravesada por un sendeiro de pe que servía de comunicación entre parroquias, hoxe en desuso e lugar de recopilación de lendas. Realizando o paseo polo sendeiro poderase interaccionar totalmente coa vexetación de montaña (Carqueixas, carpanzas, xestas, etc) e divisar os cumios do Ancares (Pico Cuíña, Pena Longa, Mustallar, Pico Lagos).

Unha vez chegados á aldea de Os Olmos, seguiremos cara á aldea de Noudelo pola vía municipal, xa na parroquia de Donis, e a continuación a aldea de Cabanaxaraz, dende onde se apreciará perfectamente o lugar de Piornedo e o resto de pobos da parroquia de Donis.

A camiñada continuará pola pista baixando cara o río das Pontes de Xantes e posteriormente subindo á Igrexa parroquial de Donis, de recente rehabilitación, sendo a mellor conservada no entorno.

O programa de roteros "Auga: O quebracabezas da vida"

Os seguintes roteiros serán:

  • 11 de maio. Carballeda de Valdeorras
  • 15 de xuño. Arousa. ALTRI NON.

Reserva a túa praza!

Na propia bitácora de Roteiros de ADEGA-Lugo (http://roteirosadegalugo.wordpress.com) irase actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a reserva. As persoas interesadas terán que inscribirse a través do formulario de reserva antes das 13:00 do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.

Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades, aínda que as persoas socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como estudantado, persoas en situación de desemprego ou menores de 14 anos. 

No caso de que haxa servizo de autobús, as tarifas serán: 

Prezo xeral: 22€; Socios/as de ADEGA: 15€; Estudantes ou en paro: 17€; ata 14 anos: 6€.

Se non hai servizo de autobús a tarifa é de 6€.

O prezo inclúe o seguro de accidentes para menores de 75 anos e o autobús en caso de que haxa este servizo. 

O pago ten que realizarse con antelación e por transferencia bancaria. Enviaranse os datos unha vez feita a reserva. As prazas asignaranse por orde de inscrición ata o venres previo ao roteiro ás 13h.

Os roteiros son de xornada completa. Cómpre levar roupa e calzado axeitados e comida para o camiño. O bo humor é cousa de todes.

    Para máis información, tamén se pode chamar ao teléfono 982 240299 (local)

    Ligazóns

    ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
    Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
    Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal