01-12-2024
Percorreremos camiños milenarios entre as aldeas de Paderne, Mercurín e Ferrería Vella, por vastos soutos de castiñeiros vellos. Arriba no máis alto o Castro de Brío, miradoiro senlleiro coroado de aciñeiras sobre as do terras do río Pequeno e do Lor. Remataremos na máis sobranceira de todas as forestas, no labirinto enfeitizado dos Entaladoiros no Val das Mouras, onde se confunden as carochas dos castiñeiros cos penedos ergueitos.
Percorrido: 10 km
Tempo do percorrido: De catro a cinco horas.
Altitude en Paderne no punto de saída: 900 msnm
Punto máis alto no Castro de Brío: 1053 msnm
Punto máis baixo na Ferrería Vella: 520 msnm
Dificultade media , pero con tramos moi costentos e esvaradíos tanto nas subidas como nas baixadas, que requiren unha condición física media.
Compre levar calzado axeitado, e chuvasqueiro no caso de previsións meteorolóxicas desfavorables.
O autobús sairá ás 9h dende Avenida de Ramón Ferreiro (Fac. Formación do profesorado), Lugo.
Na propia bitácora de Roteiros de ADEGA-Lugo irase actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a reserva.
As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 13h do venres anterior ao roteiro.
Cubriranse as prazas por orde de inscrición.
Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.
Prezo xeral: 22€; Socios/as de ADEGA: 15€; Estudantes ou en paro: 17€; ata 14 anos: 6€.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal